O público galego dos medios é o que máis xornais en papel le

Antonio López, no centro, reitor da USC, xunto aos promotres do estudo e a decana de Comunicación, Ana Isabel Rodríguez. (Foto: USC).
A valoración positiva dos medios de comunicación aumentou tras a pandemia segundo revela o informe Os medios en Galiza e en España, que onte presentou en Compostela os datos referidos á Galiza. A enquisa sitúa a poboación galega como a máis interesada na información política. 

Un 40% dos galegos e galegas consideran que os medios de comunicación ofrecen unha visión veraz e fiábel da vida política e social. Así se desprende do estudo que veñen de dar a coñecer o foro independente Periodismo 2030, no que desde hai tres anos colaboran case 300 profesionais da comunicación, e a Fundación AXA, ligada á multinacional francesa do negocio dos seguros.

A facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu onte a presentación dos resultados sobre consumo e valoración dos medios de comunicación na Galiza –escritos, dixitais, televisión, radio, redes sociais– e da información que estes achegan á cidadanía. 

A Galiza sitúase á cabeza do Estado en consumo de prensa en papel

A sondaxe, elaborada por Metroscopia, recolleu 5.000 mostras en todo o Estado, das cales 286 corresponden á Galiza, onde a enquisa non tivo en conta nin a lingua nin a axenda propia, de país, coa que traballan medios como Nós Diario.

Con todo, conclúe, a Galiza sitúase á cabeza do Estado en consumo de prensa en papel e entre os territorios que máis información dixital consomen.

A mellor informada

A poboación galega declárase a "mellor informada" do Estado e destaca por ser unha das máis exixentes cos medios. Un 91% das persoas entrevistadas asegura que uns "medios de calidade, libres e independentes" son garantía dunha "sociedade realmente libre e democrática".

Neste sentido, os galegos e galegas tamén opinan sobre as vantaxes dunha ampla diversidade de medios informativos independentes. Para 86%, un abano maior permite detectar e controlar os abusos de "institucións e órganos poderosos", tanto públicos como privados.

O público galego é o que máis xornais en papel le. Un 46%  acoden aos diarios escritos para informarse. Os asuntos locais, de ciencia e saúde, actualidade política e internacional son os contidos polos que manifesta maior interese xunto cos de opinión.

Credibilidade

A prensa escrita, xunto á radio, gozan da maior credibilidade na Galiza e no conxunto do Estado. Se ben, o informe advirte dunha "importante fenda xeracional" . A poboación nova busca contidos canda vez máis en redes sociais que as persoas maiores non utilizan. Un 41% usa Tik Tok e 23% Twitch.

Un 39% considera que as redes son unha fonte fiábel de información. En particular, 58% da poboación moza, de 18 e 29 anos, amosa unha "gran confianza" nestes medios para se informar fronte a 28% das persoas maiores de 65.

A poboación nova busca contidos canda vez máis en redes sociais que as persoas maiores non utilizan

Por outra parte, as persoas usuarias de medios na Galiza escollen os privados –28%– fronte os públicos –23%– e amósanse máis dispostas que o resto do Estado a aboar unha subscrición ou un muro de pago.

Ademais, desde unha óptica máis crítica, 69% aproba a información que poida achegar unha persoa experta sen intervención dun profesional da información, se ben 57% cre que presenciar un feito non converte a ninguén en xornalista. Outro 56% desconfía que os medios sexan realmente libres e independentes.