Cándido Paniagua: "O alumnado é o futuro e hoxe ese futuro está nas redes sociais e nelas ten que estar o galego"

A axitación que está a producirse arredor das Tanxugueiras chegou tamén ao ámbito do ensino. Veñen para quedar é unha unidade didáctica que Cándido Paniagua, profesor de lingua e literatura galega, preparou para o seu alumnado co fin de traballar o idioma a través da música e a cultura galega.
cándido paniagua

Como nace esta idea?

A iniciativa xurdiu da miña idea de dar as clases. Gústame introducir música, filmes e todo o que teña que ver coa cultura galega. Desde principio de curso, si que é certo que me centrei especialmente na música, en ver que grupos que coñecía o alumnado, que tipo de música escoitaba e se coñecía música en galego. A realidade é o coñecemento non é moi amplo, sobre todo con grupos actuais, pero todo xiraba un pouco en torno ás Tanxugueiras. Non sabían ningunha canción, pero a súa exposición si estaba presente. Logo, con todo isto do festival de Benidorm e demais, tiveron ese éxito e tentei levalo ás aulas para que se sentisen partícipes. Ese foi o propósito e a intención coa que naceu, poder trasladarlles esa realidade.

No proxecto, atópanse exercicios relacionados con distintos ámbitos da lingua.

Claro, hai actividades de todo tipo. Non é unha unidade que xire arredor das Tanxugueiras en si, senón que, a partir delas, podemos realizar certas actividades que quizais no día a día son máis aburridas ou teóricas, como poden ser a sociolingüística, o vocabulario ou mesmo a fonética. Quizais empregando outras cuestións máis afastadas non lles interesa tanto ou non o toman coas mesmas ganas.

Cal foi o proceso de elaboración da unidade?

Tiven que pensar que aspectos quería traballar, porque o que máis me interesaba era a cuestión da sociolingüística, que implican e que impacto teñen as Tanxugueiras neste momento para a sociedade galega. Non o quixen centrar soamente niso, tamén é unha actividade relacionada coa música, para achegarse ao folclore, ver as partes da pandeireta, traballar certo vocabulario... Levoume tempo pensar, sobre todo, como enfocalo, non so centrarme en dicir “estas son as mozas que poden ir a ese escenario”, senón centrarme no que eu quería aportar. Dándolle voltas puiden chegar a todo isto.

O proxecto vai máis alá do papel e achégase tamén ás redes sociais.

Si. Creo que non hai que esquecer a parte de diversión ou de gamificación. Considero que o alumnado é o futuro, hoxe o futuro está nas redes sociais e nelas ten que estar o galego. Tratábase de unir catro piares, por iso a proposta de gravar un TikTok e subilo as redes. Partillar e crear contido, que se siga falando de todo isto. 

Realmente, o que fixen foi recompilar material. Para min, non resulta moi novidoso o que creei. Simplemente foi recoller un pouco o que anda pola rede, o que fixo outra xente como Esther ou Iago, coa única entrevista en galego en formato audiovisual que vin das Tanxugueiras. Logo tamén está O Galizard Queen, cun vídeo sobre a pronunciación da palabra. Levar todo ese contido e buscarlle aplicación didáctica, aproveitalo. Que o alumnado vexa que, se crea ese material, tamén é partícipe de todo o proceso e de todo o sistema.

Como está a ser a acollida?

Penso que o alumnado está máis motivado. Séntense identificados e é un factor importante. Polo que me está chegando doutros centros, tamén o están a levar a cabo e está indo moi ben. Foi algo que fixen para min, pero pódese adaptar a distintos niveis educativos, que é o que están a facer o resto compañeiros. Hai unha implicación moi boa, creo que a palabra é esa.

É a primeira vez que leva a cabo un traballo deste tipo?

Procuro, dentro das posibilidades que se nos dan, facer cousas que sexan aplicables ao día a día. Por exemplo, relacionar poesía e música creando listaxes en Spotify e descubrir así pequenos grupos. Que dun tema saia todo este material é a primeira vez. É complexo que unha canción se adecúe aos contidos, pero esta dábase moi ben. Préstase para traballar a diversidade lingüística, as variedades dialectais... contidos específicos de 

Comentarios