PSdeG urxe reducir o impacto do baleirado dos encoros no marisqueo

Mariscadoras de Noia tras rematar a faena. Foto: JM Lage

Julio Torrado urxe a tomar medidas fronte ao baleirado puntual masivo de auga, que altera a salinidade e provoca a mortalidade masiva de moluscos

O portavoz de Marisqueo do grupo Socialista, Julio Torrado, vén de reclamar á  Xunta da Galiza  que elabore un protocolo de baleirado de encoros que afecten a produción marisqueira.

O dirixente socialista propón desaugues progresivos, en preamar e avisando con tempo a concellos e confrarías, que axudarían a paliar o problema. Neste sentido, téñense manifestado desde o sector nas últimas semanas.

Torrado sinala que os problemas de aumento e diminución brusca da salinidade que provoca a entrada repentina e masiva de auga doce procedente destes baleirados masivos provoca a mortalidade de mariscos.

O deputado do PSdeG denuncia  “episodios de enorme mortalidade de marisco”, que afectan sinaladamente á ameixa e ao berberecho que “son referencia da produción das rías de Arousa ou de Muros-Noia”.

O responsábel socialista apunta que “o control dos desaugues dos encoros resulta claramente mellorábel por parte das empresas que os xestionan, que son de titularidade privada pero operan a través de concesións de xestión concedidas pola Xunta da Galiza”.

Queixas do sector marisqueiro

O parlamentario lembra que “ o sector marisqueiro vén de avisar de episodios de baleirado brusco, sen control e sen aviso ou con advertencias a feitos consumados a algunhas entidades de emerxencias da contorna”.

Torrado considera que “é posíbel regular e controlar estes desaugues de maneira máis axustada para non prexudicar ao sector marisqueiro” para limitar a variación da salinidade.

O voceiro do PSdeG demanda que antes do baleirado se “avise previamente ás confrarías e aos concellos afectados, xa que a baixada de fortes masas de auga en momentos de seca, con xente traballando no mar ten provocado situacións de descontrol”.