O PSdeG demanda ao Feixoo un orzamento centrado na "protección social"

Caballero co seu equipo na primeira comisión interparlamentar. (Foto: Europa Press)
O secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, demanda tamén que se facilite a creación de tres comisións de seguemento da Covid-19 no Parlamento. Na súa intervención, tamén demandou ao PP aclaracións do que está a suceder no Concello de Ourense.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, demandou hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que "rectifique os recortes" que, segundo o socialista,se acumulan nas políticas sociais na última década.

Desde o seu punto de vista os orzamentos de 2021 debenn ter especial coidado coa "protección das persoas", cuestión na que non se pode ir cara atrás. Así o remarcou após a reunión da súa comisión interparlamentaria para ultimar o arranque do curso político.

Caballero insistiu en que o básico e programar uns gastos "que defendan a protección das persoas fronte á crise sanitaria, económica e social".

"Os socialistas imos estar a carón da cidadanía defendendo políticas sociais que axuden á xente a abordar este tempo tan complexo, de riscos e incertezas", dixo, polo que pediu a Feixoo que a "protección social sexa unha prioridade".

Tres comisións parlamentarias

O socialista reclamou, no mesmo momento, que o PP "non bloquee a actividade parlamentaria" e permita a constitución de tres comisións relacionadas coa crise da Covid-19.

A primeira, segundo explicou, sería unha "comisión de reconstrución" reclamada polos socialistas "e que agora Feijóo di que vai constituír". A segunda, unha para investigar o sucedido nestes meses residencias de maiores que ten "o veto de Feijóo para non aprender do que pasou".

Por último, o terceiro grupo de traballo estaría dedicado ao seguimento da xestión da pandemia.

A crise de goberno en Ourense

O representante do PSdeG aproveitou a intervención ante os medios para insistir en solicitarlle a Feixoo que "non se poña de perfil" ante a crise do Goberno local de Ourense.

"Feixoo ten que explicar o pacto letal que implica un espectáculo bochornoso como non ocorre en ningunha outra cidade de toda España", incidiu Caballero. .

"Por hixiene democrática, por rexeneración política e porque queremos políticas públicas que funcionen en Ourense, Baltar debería estar fóra da presidencia da deputación e Jácome da alcaldía", finalizou.