Caballero promete traballo e diálogo ante o discurso “sen contido” de Feixoo

Carente de contido, cualificou o secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o discurso pronunciado polo candidato do PP a presidir a Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, durante a primeira sesión do pleno de investidura que decorreu esta terza feira, 1 de setembro, no hemiciclo do Parlamento galego. Para o socialista Feixoo estivo ausente de "contidos" e "sen ideas nin impulso" para atallar as "dificultades" ás que se enfronta a Galiza no medio desta crise sanitaria.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, intervindo ante os medios após o discurso de Núñez Feixoo no Parlamento (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, intervindo ante os medios após o discurso de Núñez Feixoo no Parlamento (Imaxe: Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero criticou de “baleiro” e “sen contido” o discurso realizado por Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 1 de setembro, na Cámara galega, con motivo da primeira sesión do pleno de investidura. Será na quinta feira cando chegue a quenda da oposición e máis a votación.  

É "deber" do presidente ter medidas de "empurre e ilusión e ter a necesaria empatía coa cidadanía que está preocupada" ante a pandemia, sinalou Gonzalo Caballero. Porén, para o socialista, a poboación non puido atopar “respostas para estar máis tranquila e máis segura" na intervención de Feixoo.

Caballero lembrou, en relación á mesa de diálogo social que Feixoo anunciou esta terza na Cámara, que poucas horas antes do pleno o PSdeG propuxo precisamente crear unha comisión parlamentaria de recuperación económica. "Desde logo, nós coincidimos no diálogo, nos acordos", apuntou Caballero, que se comprometeu a presentar "alternativas concretas" para esta lexislatura, ante o "discurso baleiro" de Feixoo.

"Fronte á crise social e sanitaria, imos traballar desde a oposición para grandes acordos de país. Traballaremos co resto de grupos, con vontade de contribuír con propostas alternativas para unha situación mellor", sentenciou.

Comentarios