O PSdeG aproba en Lugo a moción contra Altri que rexeitou en Compostela

Pleno do Concello de Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Lugo insta a Xunta da Galiza a emitir un informe negativo para o proxecto de macrocelulosa na Ulloa

PSdeG e BNG aprobaron esta quinta feira a iniciativa da formación nacionalista para exixir á xunta da Galiza que informe negativamente o proxecto de macrocelulosa que a empresa lusa Altri pretende instalar en Palas de Rei (A Ulloa). A moción recibiu o voto en contra do PP por considerar que sería “prevaricar” e por ser o proxector “de interese para o crecemento económico” da Galiza.

Trátase da mesma iniciativa debatida na cuarta feira no pleno municipal de Compostela. Porén, no caso da capital galega, PSdeG e PP coincidiron en demandar retirar da moción o punto que instaba a Xunta da Galiza a emitir informe negativo a respecto deste proxecto. Finalmente, os grupos do Goberno local accederon a retirar a moción e volver presentala no pleno para que Compostela exprese o seu rexeitamento á macrocelulosa.

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que "durante máis de dous anos publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa solúbel, destinada preferentemente á exportación, nun proceso industrial que afectará enormemente á comarca da Ulloa, mais tamén aos concellos próximos como é o caso de Lugo".

Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica "chegarán até Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade", e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

En Compostela

O pleno municipal de Compostela debateu esta cuarta feira unha moción conxunta dos grupos de Goberno (BNG e Compostela Aberta) sobre o proxecto da celulosa de Altri, unha moción debatida e que finalmente foi retirada para proceder a modificacións na súa redacción.

O grupo municipal do BNG sinalou no pleno de Compostela que “o proxecto de Altri e Greenalia é un motivo de gran preocupación” pola crecente resposta social na súa contra. Destacaron o “grave impacto ambiental e os impactos severos e irreversíbeis no Camiño Francés” e indicaron que a aposta do desenvolvemento industrial na Galiza “tén que pasar pola aposta do desenvolvemento sostíbel”.

Reclamaron os 250 millóns de fondos da UE aos que aspira a empresa portuguesa “para acometer un plan de mellora na bacía do Ulla e a necesaria rexeneración da ría de Arousa”. Aliás, desde Compostela Aberta apelaron a un “rexeitamento máis que evidente” a un proxecto “nada transparente” por parte da Xunta. Lembraron que o que en 2022 o Goberno galego anunciou como unha fábrica sostíbel e circular de fibras téxtiles “hoxe é unha celulosa, que precisa un terzo do eucalipto que se corta na Galiza, liñas de alta tensión, e a captación da auga que en un día consomen todos os concellos de Lugo”.