Máis dunha vintena de Concellos xa rexeitaron Altri

Cambados, Agolada e Arzúa, esta cuarta feira. Os alcaldes de Melide, Arzúa, Santiso, Vila de Cruces, Agolada, edil de Antas e o rexedor de Toques, o 7 de abril (Foto: Nós Diario).
O Concello de Monterroso (A Ulloa) debate esta quinta feira unha moción contra a construción da celulosa de Altri no veciño municipio de Palas de Rei. Fontes do Consistorio avanzan a Nós Diario que o pleno rexeitará a pasteira. Concellos de todo o país, desde a Ulloa até a ría de Arousa, amosaron estes días o seu desacordo e preocupación arredor do proxecto de Altri na Ulloa. 
O Concello de Monterroso (A Ulloa), con Alcaldía do PP, vota esta quinta feira unha moción do BNG para rexeitar a construción da macrocelulosa da empresa portuguesa Altri en Palas de Rei (tamén na Ulloa). A moción ten moitas posibilidades, segundo fontes do Consistorio, de que sexa aprobada polo pleno. Desta maneira, Monterroso sumaríase aos máis de 20 Concellos que desde o pasado mes de marzo teñen rexeitado en pleno e ou presentado alegacións contra a instalación da macrocelulosa. O pleno municipal de Compostela levaba esta cuarta feira na orde do día unha moción conxunta dos grupos de Goberno (BNG e Compostela Aberta) sobre o proxecto da celulosa de Altri, unha moción debatida e que finalmente foi retirada para proceder a modificacións na súa redacción.

O grupo municipal do BNG sinalou no pleno de Compostela que “o proxecto de Altri e Greenalia é un motivo de gran preocupación” pola crecente resposta social na súa contra. Destacaron o “grave impacto ambiental e os impactos severos e irreversíbeis no Camiño Francés” e indicaron que a aposta do desenvolvemento industrial na Galiza “tén que pasar pola aposta do desenvolvemento sostíbel”. Reclamaron os 250 millóns de fondos da UE aos que aspira a empresa portuguesa “para acometer un plan de mellora na bacía do Ulla e a necesaria rexeneración da ría de Arousa”. Aliás, desde Compostela Aberta apelaron a un “rexeitamento máis que evidente” a un proxecto “nada transparente” por parte da Xunta. Lembraron que o que en 2022 o Goberno galego anunciou como unha fábrica sostíbel e circular de fibras téxtiles “hoxe é unha celulosa, que precisa un terzo do eucalipto que se corta na Galiza, liñas de alta tensión, e a captación da auga que en un día consomen todos os concellos de Lugo”.

O PSdeG e o PP coincidiron en demandar retirar da moción o punto que instaba a Xunta a emitir informe negativo a respecto deste proxecto. Finalmente, os grupos do Goberno local accederon a retirar a moción e voltar a presentala ao pleno para que Compostela exprese o seu rexeitamento á macrocelulosa.

O caso do pleno en Compostela desta cuarta feira forma parte da onda de Concellos que nos últimos dous meses teñen debatido a respecto do proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei. Nas zonas directamente afectadas, o Concello de Antas de Ulla (A Ulloa) mesmo ten presentado alegacións. A alcaldesa, Pilar Porto (PSdeG) amosa a súa preocupación polos efectos das emisión da planta “sobre a saúde da poboación, os ecosistemas e as producións agrogandeiras”.

O mesmo acontece na veciña comarca de Terra de Melide, neste caso tamén os Concellos (Melide, Santiso, Sobrado e Toques) téñense posicionado claramente en contra de Altri, significados por Melide e Santiso que non só manifestaron o seu rexeitamento á celulosa senón que tamén  fixeron alegacións.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril (BNG) destaca a afectación de Altri no seu concello “desde o punto de vista socioeconómico e medioambiental” relacionado coa captación de augas do encoro de Portodemouros e o impacto sobre o Camiño de Santiago.

No caso de Santiso, Manuel Adán (BNG), ten emitido un bando informativo á veciñanza sobre as tres alegacións que o Concello presentou tanto ao proxecto da captación da auga como á declaración de impacto ambiental do proxecto, que atravesa este concello coas tubaxes e as liñas de alta tensión desde o encoro de Portodemouros até Palas de Rei. Na zona, tamén o concello de Touro (comarca de Arzúa) se ten pronunciado contra Altri e mesmo ten posto modelos de alegacións a dispor da veciñanza.

No Deza (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón), tamén son maioría os concellos que se postulan en contra Altri. Os plenos de Vila de Cruces e Agolada xa o fixeron a comezos deste mes, Silleda leva a pleno nos vindeiros días a moción presentada polo BNG e no caso de Lalín e Dozón (ambos gobernados por maioría do PP), nada se sabe das iniciativas presentadas a respecto de Altri.

No concello de Agolada o alcalde, Luís Calvo (PAYJ), ten amosado a súa oposición a un proxecto “que mesmo declararon supramunicipal para deixarnos aos concellos afectados sen capacidade de decidir”. En Rodeiro, o Goberno local de José Luís Camiñas (PSdeG) alegou contra “o potencial efecto que pode desacreditar a calidade da nosa produción agrogandeira".

Sarria e Láncara (na comarca sarriá) tamén se teñen pronunciado nos seus respectivos plenos contra os efectos de Altri sobre "o corazón da Galiza". Tamén Castroverde (comarca de Lugo) fixo xa o seu pronunciamento en contra da celulosa.

Súmase na comarca de Vigo o Concello de Salceda de Caselas, gobernado por Movemento Salceda, que xunto cos votos do PSdeG e do BNG lograron, coa abstención do PP, unha declaración en contra de Altri. Loli Castiñeira, a alcaldesa, deixou clara a súa preocupación pola afectación de Altri “ao patrimonio natural e cultural da Ulloa e a súa contorna”.

Do interior á costa

Na comarca do Barbanza, o non a Altri foi desde o primeiro momento unánime. Os alcaldes de Ribeira (Luís Pérez Barral, BNG), A Pobra do Caramiñal (José Carlos Vidal, Nós Pobra), Boiro (José Ramón Romero, PSdeG) e Rianxo (Julíán Bustelo, Rianxo en Común) ofreceron unha rolda de prensa conxunta a semana pasada para deixar clara a súa postura: “Altri vai ter un impacto negativo na comarca, no medio ambiente e tamén nos nosos sectores produtivos”, concluíron. No caso de Rianxo mesmo o pronunciamento do pleno contou co voto a favor do Partido Popular (cando no resto do país está a absterse nestas votacións).

Na comarca do Salnés, os concellos da Illa de Arousa e Cambados abandeiran os pronunciamento en contra da macrocelulosa de Altri na Ulloa, no caso de Cambados mesmo pendura da fachada do Concello unha pancarta que reza 'Altri non, fóra contaminación'.

Bañados polo Ulla, na comarca de Sar, os concellos de Dodro e Padrón tamén se teñen pronunciado en contra Altri.

Tamén a Deputación de Lugo, a través do seu presidente, José Tomé (PSdeG), deixou claro en pleno que o que “non imos é a participar dun engano, nin lavar a cara do PP. Estamos a favor de industrias en Lugo, de fibras téxtiles, pero non unha celulosa, que xa a temos en Ence”.


A Plataforma Ulloa Viva convoca a primeira manifestación contra Altri

APlataforma Ulloa Viva convocou esta cuarta feira para o domingo 26 de maio a que será a primeira manifestación en todo o país contra a macrocelulosa de Altri.

O lugar escollido pola plataforma para esta mobilización é Palas de Rei, o concello no que está situado o predio de Quintas no que a pasteira lusa quere instalar a macrocelulosa. Logo de meses de resposta veciñal e social en todo o país e de diversos actos informativos que a plataforma ten organizado nas comarcas afectadas directamente polo proxecto de Altri (A Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa), Marta Gontá, presidenta da plataforma, explica a Nós Diario que “o primeiro 'non' a Altri díxose seguindo o  tempo e forma que marca a Administración, con máis de 20.000 alegacións".

O segundo 'non', di, farémolo na rúa para que nos poidan pór cara a todas e todos, para que non quede dúbida de que é unha loita da xente”. Gontá di que “o 26 de maio sairemos á rúa coa intención clara de que se nos escoite, de que se nos teña en conta a todas as galegas e a todos os galegos que queren defender a terra, a auga e o ar da Galiza”, e advirte de que “non imos permitir que nos pasen por riba”. Con esta manifestación, desde Ulloa Viva explican que queren deixar claro que "a terra, o ar e a auga desta contorna son nosos, eno futuro será dos nosos fillos e fillas e non dunha empresa privada”. A plataforma agarda unha resposta masiva de todo o país á convocatoria.