Un proxecto de Greenalia ameaza o patrimonio natural e cultural do Xurés

Lagoa no Monte Grande, un espazo de alto valor natural cuxa fauna e flora se verían afectadas (Foto: Reserva da Biosfera Gerês-Xurés).

Greenalia prevé erguer no Monte Grande de Bande un parque eólico, o de Fonsanta, que se sumaría aos do Vieiro (xa operativo) e Monte da Neve (en fase de solicitude) e que cercaría a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés. Persoas expertas veñen de presentar alegacións polo "alto impacto" que tería o proxecto neste espazo.

A Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, o único espazo natural protexido a nivel transnacional na eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, podería verse gravemente afectada de se autorizar o parque eólico Fonsanta, promovido por Greenalia cunha potencia de 50 megawatts (MW) e actualmente en estado de tramitación, segundo figura no Rexistro Eólico da Galiza. O proxecto contempla a instalación de doce aeroxeradores, unha torre meteorolóxica e unha subestación transformadora, alén de cadansúas liñas de evacuación eléctrica.

As infraestruturas ergueríanse sobre o Monte Grande de Bande, cualificado recentemente por enxeñeiros agrónomos como "un dos mellores montes forestais do país". Neste emprazamento, as persoas comuneiras promoveron en 2019 un proxecto de creación dun parque arqueolóxico que dispuxo de fondos europeos, a fin de valorizar o patrimonio cultural que atesoura —numerosas mámoas e petróglifos—. Aliás, están a levar a cabo un aproveitamento forestal sostíbel e respectuoso co medio.

"Os aeroxeradores serían visíbeis desde toda a extensión do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés —espazo da Reserva situado na Galiza—, xa que están previstos a apenas sete quilómetros de distancia en liña recta. O impacto sobre a paisaxe sería brutal", expón, en conversa con Nós Diario, David Pérez, arqueólogo e vogal de Cultura da Asociación Cultural, Ecoloxista e de Montaña Arnau, que vén de alegar contra o proxecto a través da presentación dun estudo de impacto ás autoridades competentes da Xunta e ao propio Goberno local.

Neste senso, cómpre salientar que a totalidade do territorio de Bande forma parte do citado espazo protexido. Así mesmo, salienta o impacto que este proxecto tería sobre a flora e a fauna da contorna, que conta con especies de "gran fraxilidade ecolóxica": "Temos un gran número de aves que transitan da Lagoa Grande do Monte Grande cara á Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Baixa Limia, cun constante fluxo de paxaros que se poderían ver afectados", explica.

Neste senso, lembra que a Directiva europea 92/43/CEE regula os "hábitats prioritarios" que cómpre preservar: "Temos as carballeiras galaico-portuguesas, as turbeiras altas da montaña... Hai moito patrimonio e moitos hábitats a protexer, como o do lobo ibérico".

A raíz dos traballos de conservación que se están a realizar sobre o patrimonio arqueolóxico do Monte Grande e dos que el mesmo tomou parte, téñense recuperado máis dunha vintena de mámoas, senllos petróglifos e o foxo do lobo das Covateiras. "Temos tal popurrí de xacementos que sería unha mágoa utilizar este espazo para o aproveitamento industrial e non para potenciar o turismo", lamenta, e fai fincapé en que boa parte da serra do Xurés "vive do turismo".

Outros eólicos na zona

Non sería o primeiro en operar na contorna: O Vieiro —Iberdrola—, a escasos quilómetros de distancia e situado na mesma área de desenvolvemento eólico deseñada no Plan sectorial de 1997, está activo desde hai máis dunha década e conta con 19 muíños e unha potencia total instalada de 19,6 MW. Precisamente este proxecto fora modificado para reducir as súas dimensións e o número de aeroxeradores debido á descuberta de xacementos arqueolóxicos, unha cuestión que lembra ao que está a acontecer agora no Monte Grande.

Aliás, en outubro de 2009 a Xunta recortara en máis de 400 hectáreas a zona prevista para estender a xurisdición do Parque Natural Baixa Limia-Xurés, coincidindo cos terreos nos que Iberdrola prevía asentar os seus muíños.

E alén do parque xa activo —O Vieiro— e o que se atopa en trámites —Fonsanta—, un terceiro parque axexa o mesmo territorio, Monte da Neve —proxectado por BayWare, con sete aeroxeradores previstos e unha potencia de 42 MW—. "O Vieiro está no medio, e ao seu carón xurdirían en ambas as direccións os outros dous, conformando un gran conxunto eólico", advirte Pérez.

Por todo isto, o colectivo chama a paralizar este proxecto e evitar que arriben outros na contorna.

Mobilización contra os eólicos en Lalín

Noutra orde, o BNG de Lalín realizou esta fin de semana un acto simbólico de rexeitamento dos proxectos eólicos que axexan o municipio, nomeadamente os parques Val do Folgoso e Monte dos Porcallos, ambos os dous en fase de tramitación a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) por teren cadansúa potencia total de 56 MW e promovidos por Green Capital Development.

De feito, no propio estudo de impacto ambiental destes proxectos a empresa recoñece que compartirán infraestruturas como a subestación transformadora, o que podería supor un novo caso de "fragmentación artificiosa", alén de se atoparen fóra das áreas de desenvolvemento previstas no Plan sectorial eólico e afectaren espazos da Rede Natura 2000, motivo polo que a Xunta xa se posicionou tamén en contra.

Aliás, a formación nacionalista vén de rexistrar no Congreso senllas reclamacións para paralizar a tramitación de ambos os parques eólicos, "que afectarían numerosas explotacións agrogandeiras e o patrimonio cultural e natural", en palabras do seu portavoz, Néstor Rego.