Protesta en Bergondo polos recortes da Xunta no ensino

Andaina reivindicativa onte no concello de Bergondo (Foto: Nós Diario).
"Reclamamos unha solución definitiva que garanta a atención á diversidade no noso centro", din desde a asociación de nais e pais do CIP Cruz do Sar.

Unha 'andaina reivindicativa' percorreu esta quinta feira as rúas do concello de Bergondo para protestar contra os recortes no Centro Público Integrado (CPI) Cruz do Sar.

A asociación de nais e pais do centro denunciou que este "non poderá enfrontar con garantías as necesidades educativas de máis de 30 nenos e nenas con diversidade funcional por mor da denegación dun segundo especialista en Pedagoxía Terapéutica e o recorte da xornada na especialidade de Audición e Linguaxe".

"Non queremos discriminar"

En declaracións a Nós Diario, María José Ferreño, presidenta da asociación de nais e pais relatou que "é totalmente necesario un segundo especialista en Pedagoxía Terapéutica no centro porque non queremos discriminar, queremos que os nosos rapaces socialicen". 

De acordo con Ferreño, esta situación xa era coñecida por parte da Consellaría de Educación, xa que "a finais do curso pasado comunicamos estas necesidades á Consellaría e o mes pasado tivemos unha reunión con inspectores da Xunta onde lles deixamos claro cales eran as reivindicacións, e aínda así non se atenderon as demandas".

"Reclamamos unha solución definitiva"

Momento durante a andaina reivindicativa en Bergondo (Foto: Nós Diario).

Ao finalizar a andaina reivindicativa, á que se xuntou o IES Rego da Trabe de Culleredo desde a asociación de nais e pais do centro leron un manifesto en que solicitaban unha "solución definitiva" a este problema e destacaban que "a totalidade das nais e pais do alumnado do CPI Cruz do Sar de Bergondo, asinantes deste manifesto, denunciamos o desleixo institucional da Consellaría, que coa súa decisión de non atender a demanda de necesidades do centro, deixa as nenas e nenos con necesidades educativas especiais nunha situación total de desamparo institucional".

"Reclamamos unha solución definitiva que garanta a atención á diversidade no noso centro".