Educación

A proposta da CIG-Ensino "aumentaría máis" os soldos do persoal docente

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
Esta segunda feira, o sindicato nacionalista desmarcouse de novo do acordo asinado entre a Xunta da Galiza e os sindicatos CCOO, UXT e ANPE a semana pasada e reitera a súa proposta a este respecto: "Amosamos con datos contundentes que 74% do profesorado obtería unha suba superior á pactada", din, ao tempo que denuncian novamente un acordo que "incide na segregación e división do profesorado, ademais de nas ratios e o horario, tamén no apartado salarial".

A federación de ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) vén de dar a coñecer a súa proposta de mellora retributiva para o profesorado do ensino público na Galiza. O sindicato nacionalista desmarcouse esta segunda feira de novo do acordo asinado entre a Xunta da Galiza e os sindicatos CCOO, UXT e ANPE a semana pasada, cando convocou tamén unha folga no sector para o vindeiro 24 de outubro.

“A CIG-Ensino amosa con datos contundentes que 74% do profesorado obtería unha suba superior á pactada” e denuncia novamente un acordo que “incide na segregación e división do profesorado, ademais de nas ratios e o horario, tamén no apartado salarial”, trasladan desde a central sindical.

"Aínda que para a CIG-Ensino, como xa dixemos en numerosas ocasións, as supostas melloras retributivas neste acordo non foron máis que un intento de comprar vontades e esconder a negativa a outras melloras laborais, fixemos unha proposta que non dividise o profesorado fronte á proposta segregadora da Consellaría que foi aceptada desde o comezo polos demais sindicatos", acrecentan desde a CIG-Ensino.

A proposta

Partindo da proposta da CIG e “usando datos oficiais dos orzamentos da Xunta e do número de profesorado en activo para o cálculo, do total de cargos directivos, inspección educativa e o diferente persoal asesor, a  suba salarial equitativa e lineal para todo o profesorado ascendería a 81 euros”.

Este cálculo faise, indican "cun reparto lineal da masa salarial que a Consellaría vai empregar en diferentes prazos (2024 e 2025 para titoría e sexenios e 2024, 2025 e 2026 para cargos directivos, inspeccións e persoal asesor)".

Para a central sindical nacionalista, o apartado salarial do acordo subscrito a semana pasada "incide na división, na segregación e no trato diferente do persoal da docencia pública, algo que para a CIG-Ensino foi e é inasumíbel".