O profesorado voltou á folga para reducir as ratios nas aulas e a carga laboral

Manifestantes en Compostela. (Foto: Nós Diario)

 O ensino viviu onte a segunda folga desde que Alfonso Rueda preside a Xunta da Galiza. A mobilización, impulsada polos sindicatos CIG, STEG e CSIF para rexeitar o acordo asinado entre CCOO, ANPE e UXT co Goberno galego, reivindicou reducir as ratios e mellorar as condición laborais do profesorado.

 

A resposta do profesorado galego á folga  xeral no ensino decorrida onte superou as previsións dos sindicatos convocantes, CIG, STEG e CSIF. Neste sentido, no manifesto lido ao remate da marcha -que foi da compostelá praza de Cervantes até a Consellaría de Educación-, destacouse que “hai moito tempo que non se produce unha resposta social tan viva no ensino público galego e sobre todo porque agromou unha conciencia xeral de que, como colectivo profesional, estamos a ser desprezados pola Administración”.

Os sindicatos cifraron o seguimento da folga por riba do rexistrado no paro convocado en outubro (70% na ESO e Bacharelato e 40% en Infantil e Primaria). Explicaron este incremento polo aumento do malestar entre o sector docente, ao desvelarse que no sistema educativo galego a redución das ratios nas aulas non será unha realidade até o ano 2040.

A Xunta da Galiza, porén, estimou a participación en 9,33%, perto de seis puntos menos que na de outubro. As entidades convocantes rebateron os datos da Consellaría de Educación e puxeron como exemplo do éxito da folga a manifestación nacional organizada en Compostela pola CIG, STEG e CSIF. Precisamente, o secretario nacional do primeiro dos sindicatos, Xesús Bermello, asegurou que “hoxe [por onte] aínda son máis os motivos para esta mobilización” e significou  que “o malestar do profesorado vai en aumento e así se puido constatar no éxito de todas as accións levadas a cabo neste mes de loita que culmina de novo cunha gran resposta tanto no seguimento da folga como na asistencia a esta manifestación”.

O peor horario lectivo do Estado

Bermello contrastou “unha foto fixa en 2009 na que o profesorado galego era o que tiña o mellor horario de todo o Estado, con 21 sesións lectivas en Infantil e Primaria e 18 no resto das etapas", e outra "en 2024 na que será o que teña o peor horario mantendo as 20 horas en Secundaria, FP e Ensinanzas de réxime especial xa en solitario e baixando a 23 para os mestres e mestras pero sen incidencia real na contratación de máis efectivos”. Neste punto, concluíu  que “este é o balance dos 14 anos en materia de persoal do PP á fronte da Xunta e que o sitúa como o Goberno máis reaccionario e que máis despreza o seu profesorado de todo o Estado”.

A recuperación dos horarios lectivos de 18 horas para ESO e Bacharelato e de 21 horas para Infantil e Primaria nun máximo de dous cursos e a redución das ratios en todos os niveis educativos comezando no curso 2024/2025 son dúas das demandas centrais da folga de onte. Neste dirección, o profesor do IES Xulián Magariños de Negreira (A Barcala), Félix Paz Castañal, sinala a Nós Diario que “até 2011 dispuña dun horario de 18 horas lectivas pero a partir desa anualidade pasou a 20, aumentando cada vez máis a carga de traballo”.

Paz Castañal quéixase da “burocracia e do 'papeleo' de todo tipo que estamos obrigados a atender, converténdose a situación en terríbel cando es titor”. Nesta liña, indica que “non hai tempo para reunir os departamentos e coordinar con outros compañeiros” e “hai centros que para atender o alumnado en toda a súa pluralidade non lle chegaría mesmo coas ratios propostas”.

"Indignación" no profesorado

Sofía Rama Lorenzo, ensinante do IES Felix Muriel de Rianxo ), amósase indignada polo acordo asinado entre CCOO, ANPE e UXT co Goberno galego. “A proposta de redución de ratios é vergoñenta”, apunta Rama, asegurando que “a redución chegaría a nós na década dos anos 30-40, tras  o pacto entre a Xunta da Galiza e uns sindicatos que demandan outras ratios máis reducidas noutras partes do Estado". De feito, haberá que agardar ao curso 2039-40 para que o conxunto do ensino público non universitario galego vexa implementadas as ratios pactadas pola Xunta da Galiza con CCOO, UXT e ANPE. “O mesmo que se pide aquí, os sindicatos que acordan coa Xunta demándano noutras partes do Estado", avanza Rama, que sinala que “en 2011 Alberto Núñez Feixoo incrementou os horarios en Primaria e en 2012 aumentouno para Secundaria, sendo urxente a súa redución para poder atender mellor o noso alumnado, para preparar mellor as aulas e para non afogarmos en tanto burocracia”.

Rama lembra a Nós Diario que “a redución da xornada lectiva e das ratios é un dereito que xa recuperaron en todas as partes do Estado español. De feito, a única comunidade que está na mesma situación que nós é Madrid, onde o seu Goberno xa chegou a un acordo coas organizacións sindicais para baixar as ratios e estuda unha redución do horario lectivo”.

Yolanda Rodríguez Draycott, profesora do Instituto de Educación Secundaria Albino Núñez de Ourense, só pide “respecto para o profesorado”. Así, en declaracións a Nós Diario, sinala que “levamos desde 2011 con moito incremento de horas lectivas, de carga burocrática e de maltrato dos nosos xefes”. A este respecto, apunta que “o noso xefe, a Consellaría da Educación, non nos respecta polo que cada vez traballamos máis e iso repercute no noso alumnado e na calidade educativa”.

CIG, CSIF e STEG denuncian que “o apartado retributivo do acordo agrava aínda máis a división do profesorado presente en todo o documento”. Neste sentido, aseguran que “persoal do ensino que máis verá incrementado o seu salario con este acordo son os  membros da inspección, dos equipos directivos e das asesorías da Consellaría, así como  15% de todo o profesorado galego que ten cinco sexenios de antigüidade. Pola contra, a suba para o 26% dos ensinantes será de 10 euros ao mes, a repartir entre 2024 e 2025”.

A Galiza atópase á cola do Estado en investimento educativo por habitante

Novembro está a ser un mes de mobilización social no ensino. Se o día 9 se desenvolvían protestas en boa parte dos centros educativos do país e o 14 o profesorado saía á rúa nas sete cidades, o domingo 19, miles de persoas mobilizábanse polas rúas de Compostela para reclamar a redución das ratios nos centro de ensino e mellorar as condición laborais do persoal docente. Neste sentido, a resposta do persoal educativo en cada un destes tres actos amosa o rexeitamento existente no sector co acordo asinado entre, CCOO, ANPE, UXT e o Goberno galego.

O malestar dos traballadores do ensino coa Consellaría de Educación vén de lonxe e desde a CIG vincúlano a razóns estruturais. Segundo os datos achegados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) para 2022 a Galiza está entre os territorios que menos recursos destinan por habitante ao ensino: 1.043 euros anuais. Só outras catro comunidades (Asturias, Madrid, Castela e León e Castela-A Mancha) invisten menos que a Galiza. Así, a primeira delas destina á ensinanza 941 euros por habitante, a segunda 960 euros por persoa mentres que as dúas Castelas sitúanse nun nivel de gasto parecido á Galiza: 1.012 e 1.039 euros per cápita.

A non priorización do ensino pola Xunta da Galiza obsérvase nos orzamentos da Consellaría de Educación para 2024. Se na actual anualidade contaba cun orzamento de 2.795 millóns de euros, nas contas públicas do vindeiro exercicio disporá dun total de 2.858 millóns de euros, o que unha vez descontada a suba da inflación significará unha caída de fondos de 150 millóns de euros.