O profesor da USC César Domínguez, acusado de "antisemita" polo título dun curso de literatura

César Domínguez foi nomeado en 2016 catedrático honorario da Universidade de Sichuan, na China (Foto: Nós Diario).
Ante as graves acusacións vertidas desde asociacións pro-Israel de todo o mundo, decidiu suspender o seu seminario 'Auschwitz/Gaza: un campo de probas para a literatura comparada'.

En pouco menos dunha semana, a campaña de difamación iniciada o pasado 20 de agosto pola Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) contra César Domínguez, profesor de literatura comparada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), alcanzou unha dimensión internacional.

Todo comezou por un comunicado difundido pola Agai, no que cualificaba o seminario Auschwitz/Gaza: un campo de probas para a literatura comparada como "unha forma clara de antisemitismo contemporáneo e banalización do Holocausto", alén dun "insulto á intelixencia" e unha "vergoña para a Galiza".

"De forma simultánea publicaron o comunicado e replicaron a mesma mensaxe ao decano da Facultade de Filoloxía e a min. Eu ofrecinme a ofrecer as explicacións que considerasen precisas e convideinos a consultar os contidos do curso, xa que só coñecían o título, mais dixeron que as súas acusacións de antisemitismo e xudeufobia estaban fundamentadas no título e non precisaban máis", explica, en conversa con Nós Diario, César Domínguez.

O profesor conta que a súa materia forma parte dun minor de literatura comparada de 48 créditos dos que o curso supón seis, e que os seus obxectivos son "introducir o estudantado nesta disciplina" e "pór en práctica os coñecementos teóricos mediante lecturas recomendadas".

"Eu teño que pór en coñecemento dos estudantes un conxunto de obras xa que en relación ao Holocausto o máis próximo que leron foi O neno do pixama de raias, mais hai un corpus de obras que o vencellan coa experiencia palestina por razóns históricas. Son autores cunha dimensión internacional. E os meus contidos foran aprobados por distintos órganos da USC e ninguén atopara nada que se puidese considerar non aceptábel", argumenta.

O curso vertébrase sobre o concepto de "zonas de indistinción", acuñado por Giorgio Agamben

O curso, di, estaba vertebrado con base no concepto de "zonas de indistinción", acuñado por Giorgio Agamben, descendente de armenios: "Son espazos onde a lei e a vida humana entran nun límite de indiferenciación; a lei deixa de actuar e a vida convértese en carne sen dereitos", engade, e lembra que nunha edición anterior contrapuxera Auschwitz co terremoto de Lisboa de 1755, "momento en que xurdiu a reflexión sobre o mal natural nunha sociedade na que até entón o mal se atribuía a Deus, e o Holocausto suscitou o mesmo debate sobre o chamado mal radical".

Mais os seus intentos por explicarse e xustificar os contidos do curso foron en van. "A Agai non é unha asociación centrada en velar pola memoria histórica do Holocausto, senón un colectivo de amizade con Israel, o que supón que van apoiar calquera cousa que faga o país", di.

A nivel estatal, afirma que a xornalista catalá Pilar Rahola, "firme defensora de Israel", liderou a campaña de difamación nas redes “xunto co lobby israelí no Estado español Acción e Comunicación no Oriente Medio (ACOM)”. A polémica chegou tamén a América Latina, Francia ou o propio Israel, onde se fixo eco da nova o principal xornal, Israel Hayom.

Aliás, o estadounidense Simon Wiesenthal Center —que entre os seus conferenciantes conta cun ex dirixente neonazi e do Ku Klux Klan— dirixiuse ao ministro de Universidades, Manuel Castells, para solicitar que intervise na USC e cancelase o seminario.

"Eu estaba disposto a recoñecer que o título puidese ter ferido algunhas persoas, aínda que pola miña traxectoria pode verse que levo anos traballando neste campo, mais ninguén quixo escoitarme", lamenta.

Suspensión do seminario

Finalmente, malia que a USC se puxo da súa parte, César Domínguez avogou por suspender o seminario e impartir no seu lugar a materia Arte nos centros de detención de estranxeiros: un campo de probas para a literatura comparada, cuns contidos semellantes.

"Fíxeno sobre todo porque non quero que os meus alumnos e alumnas se poidan ver prexudicados dalgún modo, e tamén por que non afectase á USC, mais non porque teña dúbida ningunha sobre a base científica do curso, que foi explorada nos mesmos termos por profesores de universidades israelís que, pola contra, non consideran antisemitas", explica.

Con todo, non descarta ofrecer o curso orixinal no futuro de forma virtual e á marxe da universidade.