Van xa 62 as estruturas palestinas demolidas en Xerusalen Oriental en 2021

O final do ataque de alta intensidade de Israel en maio non significa que mellorasen as condicións de vida na Palestina ocupada. As detencións masivas, o impulso dos asentamentos para fixar colonos en territorio palestino ou as expulsións de Xerusalén, configuran a política colonial de Israel.
Al-Azariya, tamén coñecida como Betania, na Cisxordania ocupada, cortada polo chamado muro do "apartheid" de Israel. (Foto: Xxghizmoxx)
photo_camera Al-Azariya, tamén coñecida como Betania, na Cisxordania ocupada, cortada polo chamado muro do "apartheid" de Israel. (Foto: Xxghizmoxx)

O 21 de maio remataban dúas semanas da agresión de alta intensidade de Israel contra unha Palestina ocupada, máis de 250 persoas morreron na franxa de Gaza baixo os disparos israelís, mentres que case 2000 persoas quedaron feridas. A meirande parte das vítimas eran mulleres, anciáns e crianzas non belixerantes, informa a axencia palestina WAFA. En Israel, 13 persoas faleceron polos disparos de foguetes caseiros desde Gaza.

Na franxa viven 1,8 millóns de persoas. Dous terzos son refuxiadas, cunha das densidades de poboación máis altas do mundo, achegándose a 5.000 persoas por quilómetro cadrado. Só como efecto desas dúas semanas de ataques masivos de Israel, os danos económicos estimados pola Organización das Nacións Unidas (ONU) son de 410 millóns de euros, con 450 edificios destruídos ou gravemente danados, dos que seis eran hospitais, nove centros sanitarios e 40 escolas.

Distinto goberno, mesma colonización

O 13 de xuño era investido Naftali Bennett, nunha coalición que malia incluír partidos de posicións máis moderadas que Yamina, do actual primeiro ministro, estará encabezada até o ecuador do mandato por unha persoa coa mesma posición sobre Palestina que Netanyahu.

72 horas despois, os cazas israelís volvían bombardear a área metropolitana de Gaza, desta vez sen vítimas mortais.

A política de detención administrativa israelí mantén a miles de palestinos nas prisións sen cargos, en períodos que poden durar anos. En Xerusalén Oriental, o foco das protestas pola política de expulsión de palestinos, 1.700 persoas foron detidas no primeiro semestre do ano, incluídas crianzas, ao tempo que 365 foron expulsadas.

Neste tempo, Israel botou abaixo 62 estruturas árabes nesa parte da cidade, denunciou a 15 de xullo Fadi al-Hadmi, ministro palestino de Asuntos de Xerusalén, que advertiu dun incremento da violencia dos colonos israelís contra os habitantes palestinos que quedan na urbe, e denunciou a política de "xudeización da cidade".

Esta estratexia para acabar cos palestinos, condenada en repetidas ocasións pola ONU mais sen resultados tanxíbeis, repítese alén Xerusalén, coa constante construción de asentamentos en terras ocupadas, fragmentando as vilas palestinas para logo xustificar o control sobre esas zonas. Nese sentido, a quinta feira anunciouse a construción de 510 novas unidades de asentamentos ilegais preto da cidade de Belén.

Para ampliar unha das estradas -para colonos- que unen eses asentamentos nos territorios ocupados a Palestina, Israel demoleu un cemiterio cananeo, considerado zona patrimonial por ser o máis grande e antigo do territorio, con varios milenios de historia. “Cando se trata dos sitios arqueolóxicos cananeos, filisteos, bizantinos e árabes, son destruídos  coa clara intención de eliminar os antecedentes da presenza palestina”, denuncia o medio Palestina Libre.

O extremismo relixioso de Israel non é compartido pola maioría das persoas que practican o xudaísmo, unha enquisa do Instituto Electoral Xudeu nos Estados Unidos revelou que 61% apoiaba a creación dun Estado palestino, un 34% defendeu que o trato aos palestinos era semellante ao racismo nos EUA, e un 22% cualificou a política de Israel de xenocidio.

Israel destrúe unha aldea beduína no Neguev por 190º ocasión

A aldea beduína de Al Araqib, situada no deserto do Neguev, é unha das 40 aldeas que o Goberno de Israel considera ilegais, polo que periodicamente acaba cos grupos de vivendas de chapa e lá, que os seus habitantes logo proceden a refacer, informa o xornal Alray. A semana pasada, o Exército de Israel demoleu a aldea por 190º ocasión. Apenas 10 días antes da 189º demolición.

Comentarios