Concello de Ribadeo e produtoras locais tecen unha rede de distribución

Explotación de horta no concello de Cartelle (Nós Diario)
Os mecados tradicionais de produción local foron suspendidos por decisión da Xunta da Galiza até, como mínimo, o 31 de marzo. En tanto, estanse a artellar iniciativas para que os produtos das labregas cheguen aos fogares, entre elas esta do municipio da Mariña.

Cenouras, porros, acelgas, amorodos mel ou ovos son algúns dos produtos que as veciñas de Ribadeo poden mercar ás labregas do municipio. Os pedidos, cuxo reparto é gratuíto, pódese realizar contactando cunha das seis produtoras locais: Ana de Ove, Charo, Engracia de Arante, Finca as Fadegas, a Horta Piñeira ou Vitoria.

O Concello convida ás produtoras agroalimentarias de Ribadeo inscritas no rexistro de explotacións agrarias da Galiza, o Reaga, a poñerse en contacto para sumarse a esta iniciativa.

Na comarca de Compostela, a asociación Non é o mesmo puxo en marcha unha iniciativa para distribuír en comercios locais a produción das labregas en ecolóxico. Polo momento sumáronse seis tendas de distintos barrios composteláns: As Cabaciñas, no Restollal; A Horta da Avoa, en Galeras; Seiva de Abril, no barrio de San Pedro ou a Cesta da Saúde, no barrio do Ensanche. En Bertamiráns, no municipio de Ames, estarán dispoñíbeis no comercio A cesta natural.