As produtoras reclaman a reapertura dos mercados e feiras de alimentos

Un mercado na Galiza (Turismo de Ourense).
Sindicatos e produtoras demandan á Administración central que regule a actividade destes espazos de venda e censuran que o seu peche xenera custos inasumíbeis aos negocios de menor tamaño. Paralelamente, distintas iniciativas de venda telefónica ofrecen pordutos de proximidade da hora directos ás portas das veciñas en Teo, Compostela ou Ribadeo.

Cristina Román herdou en 2014 a queixería de seu pai e súa nai, un negocio que abriu as súas portas na década dos 90. A sede de “Queixería don Gabino” está na parroquia de San Simón da Costa, o tipo de queixo que máis produce Román. Hoxe, após a suspensión dos mercados de proximidade e das feiras por mor do estado de alarma, os queixos que elaborou amoréanse no almacén. “Semana Santa é a época de máis vendas, isto chegou no peor momento”, indica a este medio.

O marido de Román dedícase a produción de mel. Axúdanse mutuamente no traballo diario e venden os seus produtos na primavera, nas feiras de Moeche, Vilalba, O Cebreiro, Taramundi ou San Sadurniño. “Afortunadamente non contamos con empregadas, polo que non temos que remunerar ningún salario, mais abonamos as nosas cotas de autónomos e afrontamos outros gastos”, lamenta ela desde a casa.

Os sindicatos agrarios da Galiza e as pequenas produtoras reivindican desde que suspenderon os mercados e feiras a súa apertura, sempre respectando as medidas de seguridade. “Nós tamén vendemos alimentación igual que nun supermercado”, apunta Cristina Román, “e nós tamén podemos aplicar medidas de seguridade como gardar as distancias”.

Tamén podemos aplicar medidas de seguridade como gardar as distancias, reclama Cristina Román

Esta cuarta feira o Sindicato Labrego Galego trasladou un comunicado no que informa de que até 600 colectivos solicitaron aos MInisterios de Agricultura e Consumo a reapertura dos mercados alimentarios, a aposta pola produción local e medidas fiscais como a exención do pago de autónomos as pequenas granxas. As organizacións asinantes reivindican que se diten instrucións aos territorios estatais e Concellos para que procuren solucións aos mercados "non sementarios de proximidade", argumentando que o seu peche "xenera costes inasumíbeis" ás produtras locais.

No extremo contrario as medidas adoptadas polo Ministerio de Agricultura e aplicadas pola Consellaría de Medio Rural sitúase a postura do Goberno portugués. En Portugal, o Executivo non só non suspendeu os mercados de proximidade senón que puxo en marcha unha campaña para que a cidadanía invista en produtos locais.

Venda telemática

Para dar saída aos produtos da súa queixería, Cristina Román contactou con grupos de consumo e comezou a facer anuncios en redes sociais. Como ela, pequenas produtoras procuran solucións a través da rede, achegando ás casas os produtos das súas hortas. É o exemplo das participantes no mercado de alimento labrego de Teo, que se celebra cada sábado en horario de mañá e que agora puxeron en marcha un servizo de compra telefónica e envío a casa.

Nos municipios de Compostela en Ames tamén se habilitaron puntos de venda que reciben as colleitas das produtoras locais. E En Ribadeo, o propio Concello coordinou ás labregas da zona para que os seus produtos chegasen das hortas ás portas da veciñanza.