A Xunta limita a 500 metros os desprazamentos para o autocultivo

Unha horta en Sanxenxo (Imaxe: P.Lameiro na Wikipedia).
As agricultoras de cultivos para o autoconsumo poderán desprazarse para atendelos sempre que se atopen a menos de 500 metros das súas residencias habituais.

O Diario Oficial da Galiza inclúe hoxe unha serie de normas emitidas pola Consellaría de Medio Rural que regulan varias actividades do sector primario. Entre elas, a Xunta prohibe a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais até o 31 de marzo. Unha medida criticada polos sindicatos do sector, FRUGA, Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias, reclamando que prexudica ás pequenas produtoras.

En troques, Medio Rural propón fomentar medios alternativos, como a venda telefónica, que xa puxeron en marcha, por exemplo, as labregas en ecolóxico da comarca de Compostela.Cando se levante a prohibición, segundo a publicación do DOG, a venda directa "limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros".

A Consellaría tamén indica que aquelas gandeiras ou agricultoras dadas de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias da Galiza (Reaga) poderán continuar con normalidade as súas actividades profesionais, incluíndo os desprazamentos precisos para o mantemento dos cultivos ou das viñas. As viticultoras poderán acreditarse amosando o carné de manipulación de produtos fitosanitarios.

Cultivos de autoconsumo

Quen cultive unha horta ou viñas sen fins comerciais poderá realizar os desprazamentos imprescindíbeis para o seu mantemento e atención, sempre e cando a distancia dos cultivos non sexa superior aos 500 metros respecto á vivenda habitual. Medio Rural salienta que non poderán traballar máis de dúas persoas na mesma leira e que estas deberán gardar as distancias de seguridade e outros protocolos de prevención. O DOG non recolle as medidas relativas ao coidado de gando para o autoconsumo.

En canto á acreditación para poder trasladarse aos cultivos, estas produtoras poden acreditarse presentando o carné de aplicación ou manipulación de produtos fitosanitarios e, no caso de quen cultive viñas, a tarxeta de rexistro dispensada polo consello regulador da denominación de orixe.