Prisión provisional para o suposto autor do crime machista de Moaña por un delito de homicidio

Concentración en repulsa do asasinato dunha muller o pasado sábado, en Moaña (O Morrazo). (Foto: Concello de Moaña)

O detido, F. A., ten antecedentes por violencia de xénero e foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por uns feitos violentos acontecidos en 2012.

O Xulgado de Instrución número 3 de Cangas (O Morrazo), en funcións de garda, decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para A. C. T., de 47 anos de idade, como presunto autor do crime machista de Moaña (O Morrazo).

A maxistrada ordenou o ingreso en prisión do detido, investigado por un delito de homicidio.

Este veciño de Moaña foi detido o sábado cando se atopaba ingresado no hospital Povisa de Vigo, horas despois de que se precipitara co seu coche ao mar, en compañía da súa parella, F. A., de 41 anos. O corpo da muller foi localizado cando se procedía á retirada do vehículo afundido no mar, e presentaba polo menos un golpe perto da boca.

Mentres, o condutor, foi rescatado con vida e trasladado ao hospital Povisa con signos de hipotermia e perda de consciencia. A última hora da tarde comunicóuselle a súa condición de detido tras as primeiras evidencias do que agora se confirmou como un crime machista.

Os feitos ocorreron sobre as 5 horas do sábado, cando os servizos de Emerxencias recibiron varios avisos de que un turismo caera ao mar na zona do paseo marítimo de Domaio. Algunhas testemuñas advertiron de que o condutor fixera manobras estrañas e que, nun momento determinado, acelerara con intensidade para invadir unha zona peonil e precipitarse logo ao mar.

O detido ten antecedentes por violencia de xénero e, de feito, foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por uns feitos violentos ocorridos en 2012. Con todo, a muller falecida este sábado non estaba rexistrada no sistema Vioxén, polo que non había ningunha medida de protección con respecto dela.

Crime machista

O delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, trasladou esta segunda feira que o Executivo xa confirmou a morte de F. A. como un crime machista, de maneira que se elevan a 37 as mulleres asasinadas en España, no que vai de ano, polas súas parellas ou ex parellas, tres delas na Galiza.

"Non podemos consentir nin unha morte máis por unha violencia que unha parte da sociedade segue minimizando. Hai que insistir na unidade de todos ante esta lacra", incidiu o delegado, antes de trasladar "todo o afecto e o agarimo" do Goberno español á familia e aos achegados desta vítima.

Na mesma liña, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, tamén fixo un chamamento á "concienciación e colaboración" de toda a sociedade ante estes feitos "dramáticos e desgraciados".

Tras volver pedir "prudencia" mentres avanza a investigación, Losada referiuse a eses sectores de poboación "que aínda poñen en dúbida a existencia destes asasinatos machistas". "Canta maior cohesión social haxa ante estes feitos, será a mellor maneira de loitar contra eles", sentenciou.