O feminismo galego mobilízase contra o último crime machista na Galiza

O feminismo galego condena a violencia e os asasinatos machistas. (Foto: Arxina)
A Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións esta segunda feira, 7 de outubro, en máis dunha ducia de localidades "contra o feminicidio de Domaio".

O movemento feminista galego non se arreda nin fica en silencio ante o terceiro asasinato machista rexistrado na Galiza no que vai de ano.

Tras a concentración que este domingo protagonizaron varias decenas de veciños e veciñas de Moaña (O Morrazo) no salón de plenos do Concello para mostrar o seu rexeitamento polo crime da muller que faleceu tras precipitarse ao mar á primeira hora da mañá do sábado no paseo de Domaio o vehículo no que circulaba xunto a un home que xa foi detido, esta segunda feira é o feminismo quen se mobiliza "contra o feminicidio de Domaio".

A Marcha Mundial das Mulleres avanza mobilizacións nunha quincena de localidades á espera de novas confirmacións:

  • A Coruña, 20 horas no Obelisco
  • A Guarda, 20 horas na praza do Reloxo
  • As Pontes, 20.30 horas na praza do Hospital
  • Betanzos, 20 horas no palco da Música
  • Catoira, 20 horas na Alameda
  • Compostela, 20 horas na praza 8 de marzo
  • Ferrol, 20 horas na praza de Armas
  • O Porriño, 20 horas diante do Concello
  • O Rosal, 19 horas na praza do Concello
  • Ourense, 20 horas na Castañeira
  • Ponteceso, 20.30 horas na praza do Recheo
  • Pontevedra, 20 horas na Audiencia Provincial
  • Ribadavia, 20.30 horas na praza Maior
  • Vigo, 20.30 horas no museo MARCO
  • Vilalba, 20.30 horas na Casa da Cultura

O home detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero podería recibir a alta médica esta segunda feira para prestar declación nos xulgados.

Segundo confirmou a Subdelegación do Goberno español en Pontevedra, o condutor do vehículo detido e investigado ten antecedentes por violencia de xénero. Estivo en prisión por uns feitos violentos neste ámbito ocorridos en 2012 e foi condenado pola Audiencia de Pontevedra.

Ademais, até o 2020 tivo en vigor unha orde de afastamento da vítima de "homicidio no ámbito da violencia machista". No caso de Fadoua Akkar, de 41 anos, Abel Losada, subdelegado do Goberno, confirmou que a muller non estaba rexistrada no sistema VIOGEN e non había ningunha medida de protección con respecto a ela.