Investigan a aparición dunha muller falecida tras caer un coche ao mar en Moaña
A Garda Civil investiga as circunstancias que rodean a aparición do corpo sen vida dunha muller, flotando no mar, no municipio de Moaña, na comarca do Morrazo.
Segundo informou o CIAE 112 Galiza, pouco despois das 5 horas deste sábado, a Policía Local de Moaña informaba a Emerxencias de que unha muller que se atopaba cerca do Club de Xubilados de Domaio presenciara como un coche se precipitaba cara ao mar.
O 112 alertou a Urxencias Sanitarias da Galiza-061, Salvamento Marítimo (que mobilizou a embarcación Salvamar Mirach) e Gardacostas da Galiza, ademais de Bombeiros do Morrazo, Garda Civil, Protección Civil e Bombeiros de Vigo.
Durante as tarefas de retirada do vehículo, o corpo sen vida da muller foi localizado flotando na auga. Segundo sinalaron fontes de Emerxencias, no coche viaxaban un home e unha muller, e os bombeiros conseguiron rescatar con vida ao home, que era o que conducía.
Investigación
Fontes da Garda Civil explicaron que o condutor do vehículo, un home veciño de Moaña, atopábase no teito do coche cando foi rescatado polos bombeiros, coa axuda dun barco bateeiro para extraer o coche da auga. O home foi trasladado ao hospital Povisa, xa que presentaba signos de hipotermia.
Durante as tarefas de retirada do vehículo, foi localizado flotando na auga o corpo sen vida da muller que ía con el no coche. Aínda que a vítima levaba encima un documento identificativo, non se trataba do DNI, polo que a Garda Civil aínda non informou oficialmente da identidade da muller.
A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer as circunstancias que rodean este suceso e está á espera da realización da autopsia do cadáver, que presentaba un golpe na cabeza. Con todo, fontes da investigación matizaron que é prematuro concluír nada e "non se descarta ningunha hipótese".