Moaña amosa a súa repulsa polo "terríbel acto" que acabou coa vida dunha muller de 41 anos
Varias decenas de veciños e veciñas do municipio de Moaña (O Morrazo) concentráronse este domingo no salón de plenos do Concello para mostrar o seu rexeitamento e condena polo crime da muller que faleceu tras precipitarse ao mar á primeira hora da mañá do sábado no paseo de Domaio o vehículo no que circulaba xunto a un home que xa foi detido.
A concentración, que decorreu ás 18 horas, foi convocada polo propio Concello como sinal de rexeitamento e condena de "tan terríbel acto". Alí, a alcaldesa, Leticia Santos, procedeu á lectura dun manifesto que deu paso a un aplauso que durou varios minutos.
Tamén mostrou a súa repulsa a este presunto asasinato machista a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que trasladou que a violencia contra as mulleres "é insoportábel". "Necesitamos máis medios e recursos para loitar contra os feminicidios. Necesitamos máis feminismo todos os días e en todos os lugares. Todo o meu afecto a familia e amizades", expuxo.
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que non se pode "normalizar este horror". "Cada vítima é unha vida arrebata pola violencia de xénero e como sociedade debemos alzar a voz para dicir basta. Solidarizámonos coa familia e achegados á vítima e esiximos que se faga xustiza. A loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade innegociábel", manifestou.
O detido segue no hospital
O home de 47 anos de idade que este sábado foi detido como presunto autor dun delito de homicidio pola morte da muller que ía con el no vehículo que se precipitou ao mar á primeira hora da mañá no paseo de Domaio, no municipio de Moaña (O Morrazo), permanece hospitalizado no Hospital Povisa de Vigo. Segundo confirmaron fontes xudiciais, non está previsto que o detido pase a disposición xudicial durante este domingo.
Este sábado, fontes da investigación explicaron que axentes detiveron o home por un suposto homicidio "no ámbito da violencia de xénero" no centro hospitalario vigués, onde foi trasladado con síntomas de hipotermia e perda de consciencia despois de ser rescatado, cando se atopaba subido ao teito do vehículo.
Os feitos ocorreron sobre as 5 horas deste sábado, cando unha persoa avisaba á Policía Local de Moaña de que presenciara como un coche se precipitaba ao mar desde o paseo de Domaio, na zona do Club de Xubilados. Os efectivos desprazados ao lugar sacaron o coche do mar con axuda dun barco bateeiro e rescataron con vida ao home, que se atopaba subido ao teito do coche. Precisamente, ao retirar o vehículo da auga, localizouse flotando no mar o cadáver da muller, que ía de copiloto.
A falecida, que presentaba polo menos un golpe na zona da boca, foi identificada como Fadoua Akkar, de 41 anos de idade, veciña da parroquia de Salcedo, na cidade de Pontevedra. No momento en que se atopou o corpo levaba consigo unha tarxeta da Seguridade Social, mais non o DNI, con todo, fontes da investigación confirmaron que xa foi identificada pola súa familia.
Unhas horas despois de coñecerse o suceso, o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, confirmaba que algunhas testemuñas observaran como o condutor acelerara " notabelmente" para penetrarse nunha zona peonil, antes de precipitarse cara ao mar.
Antecedentes por violencia de xénero
Por outra parte, Losada recoñecía que había "indicios preocupantes" no suceso e explicaba que o condutor ten antecedentes por violencia de xénero. Así, estivo en prisión por uns feitos violentos neste ámbito ocorridos en 2012 e foi condenado pola Audiencia de Pontevedra.
Até o 2020, tivo en vigor unha orde de afastamento desa vítima. No caso de Fadoua Akkar, Abel Losada tamén confirmou que a muller non estaba rexistrada no sistema Vioxen e que non había ningunha medida de protección con respecto a ela.