O condutor do coche accidentado en Moaña, cuxa acompañante apareceu morta, acelerou "notabelmente" antes de caer ao mar
O condutor do coche sinistrado no Paseo de Domaio, en Moaña (O Morrazo), "acelerou notabelmente" antes de que o vehículo se precipitase ao mar (de onde foi rescatado o cadáver da muller que o acompañaba), segundo sinalaron algunhas testemuñas.
Neste contexto, o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, recoñeceu que, neste suceso, ocorrido sobre as 5 horas deste sábado, "hai indicios preocupantes", xa que o condutor ten antecedentes por violencia de xénero, aínda que apelou á prudencia mentres se desenvolve a investigación por parte da Garda Civil.
Nunhas declaracións remitidas aos medios, Abel Losada subliñou que a investigación non descarta ningunha hipótese acerca da morte da muller, veciña de Pontevedra, cuxo cadáver -que presentaba polo menos un golpe perto da boca- foi sacado da auga cando levaban a cabo os traballos de retirada do coche afundido.
O condutor, de 47 anos de idade e veciño de Moaña, foi rescatado tras poñerse a salvo no teito do vehículo, e trasladado nunha ambulancia medicalizada co equipo do PAC de Cangas ao hospital Povisa de Vigo. O home presentaba signos de hipotermia e perda de consciencia.
"Hai que ser moi prudente, porque a investigación está en marcha, mais o o certo é que unha muller perdeu a vida ao precipitarse á auga un coche conducido por un home. E hai testemuñas que indican que o vehículo acelerou notabelmente e penetrou nunha zona peonil antes de caer á auga", afirmou Abel Losada.
Tras expresar as súas condolencias a familiares e persoas achegadas da muller, "e por extensión a todas as mulleres, porque cada vez que falece unha muller en circunstancias terríbeis dóenos a todos como sociedade", o subdelegado sinalou que o condutor do coche ten antecedentes e figura no sistema Vioxen.
Antecedentes do condutor
O home estivo en prisión e foi condenado pola Audiencia de Pontevedra por uns "feitos violentos" no ámbito da violencia de xénero ocorridos en 2012. De feito, tivo en vigor até 2020 unha orde de afastamento con respecto a aquela vítima.
Losada tamén confirmou que a muller falecida este sábado e que ía con el no coche, non estaba no sistema Vioxen e, por tanto, "non había ningunha medida de protección ao redor dela". Finalmente, o subdelegado insistiu en apelar á "prudencia" e esperar a que avance a investigación policial porque, aínda que hai "indicios preocupantes" no caso de Moaña, "é necesario que conclúan as dilixencias".