A primeira universidade privada da Galiza, co único apoio do PP, ábrese paso no Parlamento

Concentración ante o Parlamento mentres se debatía o proxecto de lei (Foto: Arxina)
Mentres no Parlamento se debatía o proxecto de lei, ante as portas da Cámara tivo lugar unha concentración convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública.

A futura lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada en Galiza impulsada por Abanca, seguirá a súa tramitación parlamentar após superar o debate da totalidade, no que tanto BNG como PSdeG mostraron o seu rexeitado a esta iniciativa por considerar que "duplica" a oferta das universidades públicas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, foi o encargado de defender o proxecto de lei no pleno da Cámara galega, onde destacou que se trata dunha iniciativa dunha fundación sen ánimo de lucro que "aposta polo ensino superior e ten vocación de ser útil e diversificar a oferta educativa". Incidiu en que é "compatíbel" coas institucións educativas públicas ao incrementar a oferta "dunha maneira compatible".

En fronte, os dous grupos da oposición, BNG e PSdeG, coincidiron ao mostrar o seu rexeitamento a esta iniciativa por considerar que duplica as titulacións que xa se ofertan na universidade pública e que abre a porta á privatización do ensino superior.

Tanto os nacionalistas como os socialistas presentaron senllas emendas de devolución, defendidas polos deputados Manuel Lourenzo (BNG) e Noa Díaz (PSdeG), que foron rexeitadas cos votos do grupo popular.

En concreto, o deputado nacionalista sostivo que esta universidade privada "duplica titulacións" que xa existen na pública e "non pretende máis que crear un lobby para elites sociais que si poden pagar o seu prezo".

"Opómonos e pedimos a retirada deste proxecto", afirmou Manuel Lourenzo, que denunciou o "aliñamento do PP cos intereses" de Abanca ao permitir que se cre unha "universidade innecesaria, que se constitúe co informe negativo do Consello Económico e Social, co rexeitado das universidades públicas, dos reitores e das organizacións sindicais e estudantís".

"O Sistema Universitario Galego non necesita unha universidade privada, necesita financiamento do sector público", sostivo o nacionalista.

Pola súa banda, a socialista Noa Díaz sostivo que o proxecto "solapa a súa oferta" coa do SUG e pode "pór en risco" ás universidades públicas. "Non queda acreditada a súa necesidade tendo en conta que o tres públicas que conforman o SUG cobren xa a demanda dos estudos de ensino superior con estándares de calidade debidamente avaliados e certificados", apuntou.

Concentración

Mentres no Parlamento se debatía o proxecto de lei, ante as portas da Cámara tivo lugar unha concentración convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública.

As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma critican o proceso iniciado polo Goberno de Núñez Feixoo, “en contra das tres universidade públicas, que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores”.

Consideran, aliás, que na Galiza non é necesaria unha universidade privada e que a ampla oferta académica do sistema universitario galego (SUG) responde á demanda existente e onde non chega é “olas limitacións fixadas pola Xunta”.

A Plataforma ten previstas novas concentracións contra este proxecto para a cuarta feira día 2 de xuño as 11:00 horas, desta volta nos 7 campus.