A Xunta defende "o dereito constitucional" da universidade privada de Abanca

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro (Imaxe: Xunta da Galiza).

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, apuntou que o anteproxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada na Galiza, impulsada por Afundación, está "preparado" para a súa tramitación no Parlamento.

O alto cargo da Xunta da Galiza defendeu que a implantación da universidade privada de Abanca, contra a que se pronunciaron as tres universidades galegas e boa parte da comunidade educativa, representa "un dereito amparado na Constitución".

En resposta a unha pregunta do PP na Comisión de Educación e Cultura, Díez de Castro explicou que, tras a autorización do Goberno estatal e tras o paso polo Consello de la Xunta, a Cámara galega deberá dar luz verde ao anteproxecto de lei.

Así, detallou que poderá comezar "unha nova quenda de modificacións, informes e trámites" para permitir a implantación da docencia, a investigación e o programa de doutoramento da universidade.

Apuntou que, se a Cámara galega aproba o anteproxecto de lei, será preciso que o Consello dea luz verde a un decreto mediante o que autorice a desascripción do Ieside da Universidade de Vigo (Uvigo) e o inicio da actividade da nova institución de educación superior, xa que a normativa galega "prohibe esa simultaneidade".

Ademais, explicou que será preciso que se solicite o recoñecemento da Xunta para a creación das facultades e institutos de investigación da universidade privada, así como que se autorice a implantación das titulacións que se busca impartir, que suman catro graos e catro másteres.

En todo caso, confiou en que, se non se presentan demoras ou problemas na tramitación, a posta en marcha da nova universidade poida ter lugar no curso 2022-2023.

O secretario xeral de Universidades tamén resaltou que a creación dunha institución de educación superior de carácter privado representa un "dereito amparado na Constitución", polo que "o único que se pode facer" ante unha solicitude desta índole "é comprobar se as normas galegas e estatais se cumpren ou non" e actuar en consecuencia.

Precisamente, remarcou que o ministro de Universidades, Manuel Castells, mostrouse favorábel á creación de institucións de educación superior privadas de calidade e subliñou que o expediente relativo á impulsada por Afundación "foi revisado por 11 órganos", así como que un estudo técnico do Ministerio corroborou o cumprimento dos requisitos para a súa implantación.

Informe desfavorábel do CES

Respecto ao informe desfavorábel do Consello Económico e Social (CES), sinalou que se emendaron os aspectos contemplados.

Díez de Castro apuntou que o real decreto que se publicará nos próximos meses no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que requirirá que as universidades ofrezan titulacións en tres disciplinas de coñecemento non afecta a este proxecto dado que a súa tramitación comezou de modo previo.