Un paso máis para a universidade privada de Abanca na Galiza

Concentración contra o proxecto da universidade privada de Abanca na Galiza (Foto: Nós Diario).
O Ministerio lembra que carece das competencias para a decisión sobre a creación dunha universidade. Será o Parlamento da Galiza o que vote se se materializa esta universidade privada. O proxecto provocou o rexeitamento dos representantes das tres universidades galegas e motivou as protestas da comunidade educativa o pasado ano

O Ministerio de Universidades dirixido por Manuel Castells deu onte luz verde á Universidade Intercontinental da Empresa, a proposta da Fundación Galicia Obra Social-Afundación de Abanca para pór en marcha a primeira universidade privada da Galiza.

O departamento considera que cumpre coas condicións e criterios estabelecidos no Decreto de creación das universidades.

Fontes do ministerio lembran a Europa Press que este carece "das competencias para a decisión sobre a creación dunha universidade en ningún territorio" xa que corresponden a cada territorio. En tanto, si ten a "obriga legal" de analizar se os proxectos que se propoñen cumpren coas condicións fixadas pola lexislación.

En preguntas dos medios á creación deste tipo de entidades, o propio Castells advertiu que “moi, moi breve, nuns días” publicarase a modificación do Real Decreto de creación de novas universidades que fixa "criterios estritos de calidade para poder aprobar" a posta en marcha dunha institución.

Estes criterios aplicaranse retroactivamente a todas as universidades, incluíndo aquelas en proceso de creación. Así, afectará tamén ao proxecto de Abanca na Galiza. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou que o informe "favorábel" desta institución parte "dun Ministerio gobernado por Podemos".

De recibir tamén a aprobación da Conferencia Xeral de Política Universitaria, con representantes de todos os territorios, a iniciativa de Abanca remitirase de novo a Galiza para o seu trámite parlamentar. Será na Cámara galega, na que o PP conta con maioría absoluta, na que se decida se se materializa esta universidade privada.

Oposición ao proxecto

A iniciativa de Abanca recibiu o rexeitamento das tres universidades públicas. Os seus reitores votaron en contra do anteproxecto cando foi abordado no Consello Galego de Universidades o pasado ano. Docentes, alumnado, representantes sociais e políticos participaron en protestas en contra deste centro privado.