Dos produtores de 'Homeland'

Preparan unha serie sobre Juan Carlos I

Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A serie sobre o monarca, na actualidade en Abu Dabi,  narrará o seu reinado de case catro décadas (1975-2014) 

As plataformas STARZ e Sony Television preparan unha serie sobre Juan Carlos I baseada no pódcast XRey realizado polos xornalistas Álvaro de Cózar e Toni Garrido.

A proposta chega da man dos produtores de series como Homeland e 24.

Constará de oito capítulos, segundo informou a publicación Deadline.

A serie, terá o selo de Howard Gordon e Alex Gansa -ambos os gañadores do Globo de Ouro e de dous Emmys por Homeland-, ademais de Glen Geller e a produtora española Weekend Studio.

Narrará a súa historia desde 1975 até 2014

A serie sobre o monarca, na actualidade en Abu Dabi,  narrará o seu reinado de case catro décadas (1975-2014) e o seu abrupto final cando abdicou de maneira repentina en 2014 citando razóns persoais, antes de que saísen á luz pública as informacións sobre as súas contas opacas.

O pódcast fíxose moi popular polas numerosas testemuñas que presentaba, incluíndo ex xefes da Casa Real, amigos próximos do rei emérito e políticos, ademais de xornalistas de investigación e historiadores.

Desde o seu lanzamento en maio de 2020, Xrey converteuse nun dos  pódcasts máis escoitados da plataforma Spotify no Estado español.