"Preocupación" na DO Arzúa-Ulloa polo impacto da pasteira de Altri en Palas de Rei

Queixos Arzúa-Ulloa.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Queixo Arzúa-Ulloa está preocupado pola afectación ao seu produto e ao seu negocio en caso de que a celulosa de Altri chegue a instalarse en Palas de Rei (A Ulloa). O incremento da superficie forestal e a contaminación do ar e a auga teñen en alerta esta DO, que vende ao ano máis de 4,4 millóns de queixos. Son 16 as queixarías dentro da denominación de orixe (e outras dúas en trámites de incorporación). Xeran ao ano 32 millóns de euros e levan cinco exercicios consecutivos aumentando o volume de negocio.
 

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Queixo Arzúa-Ulloa, José Luís Lamas, desvela en conversa con Nós Diario, o seu posicionamento persoal, como gandeiro e queixeiro, e a adoptada finalmente por maioría do pleno do Consello Regulador: “Hai preocupación na DO Arzúa-Ulloa” polo proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). Acordaron os membros publicar un comunicado neste senso os vindeiros días. Lamas avanzou a este xornal “a nosa preocupación en dous puntos: o incremento da forestación das terras agrarias e a contaminación da auga e do aire. Son os temas que máis nos afectan”. 

O pleno do Consello Regulador acordou por maioría esta posición fronte ao proxecto de Altri. O presidente explica sobre a tardanza no posicionamento que “un dos problemas é a falta de información, é un día unha e outro outra. Desde que empezaron co tema até agora xa é outra cousa distinta, xa parece unha celulosa normal e corrente como a de Pontevedra”. Tras a publicación do Proxecto Gama, para a instalación da pasteira, no Diario Oficial da Galiza o pasado 4 de marzo, Lamas sinala que “temos preocupación porque estamos na Galiza verde. E a sectores como a gandaría, o lácteo e o da carne desde logo non beneficia nada, sobre todo na zona na que vai implantada a fábrica, que é eminentemente agrícola e gandeira". 

O presidente do Consello Regulador destaca a Nós Diario que “compartimos todos o mesmo punto de vista. A favor non hai ninguén, e en contra, de maneira rotunda, tampouco, porque nos falta información veraz”. Lamas lamenta esta situación e atribúea a que “ao mellor falta tamén conexión directa cos mandatarios que están no tema”. Asegura ao respecto que non houbo comunicación ningunha coa Consellaría do Medio Rural e argumenta que “os Consellos Reguladores somos órganos de bastante peso pero ninguén se dirixiu a nós ao respecto, nin a nivel de Consellaría; ninguén nos explicou nin nos preguntou nada”.

Eucaliptización

A “preocupación” está xa no Diario Oficial da Galiza, cos datos relativos ao proxecto. Segundo figura no Proxecto Gama, a celulosa de Palas de Rei precisaría 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano, arredor de 50 tráileres de madeira. Esta é unha das preocupacións da DO Arzúa-Ulloa. Lamas pon de manifesto que “vai facer falla moito eucalipto”, co cal “ou van sacar terras ao sector gandeiro para pór eucaliptos ou van abrir a veda para que os plante todo o mundo onde queira, ou incentivar que se planten”. 

Ademais da eucaliptización, o presidente do Consello Regulador sinala que “hai preocupación polo tema medioambiental”. Lamas é gandeiro e critica que “connosco métense moito co tema ambiental e de xurros, pero as verteduras de Altri parece que non teñen problema ningún, nin gastan auga nin gastan nada, para eles non hai problema ningún”. Dentro da DO hai 1.450 explotacións gandeiras. “Aquí no rural están pendentes de todo, cheiros e verteduras, pero para o resto non importa”, insiste. Na DO, as gandeiras e gandeiros e as 16 queixarías que a conforman (hai dúas máis en trámites) teñen claro que isto “é un pouco incompatíbel connosco”. 

As 16 queixarías da DO Arzúa-Ulloa produciron e venderon en 2023 4.450.000 queixos, unha suba do 4,67% a respecto dos datos de 2022 que consolidou un “novo récord” logo de cinco anos aumentando as cifras, segundo os datos facilitados a Nós Diario pola DO. 
Segundo o Ministerio de Agricultura, o de Arzúa-Ulloa é o segundo queixo máis vendido no Estado, só por detrás do manchego. En terceira posición atópase o de Mahón (Menorca) e a cuarta posición ocúpaa o de Tetilla, con 1.800.000 kg. Moitas das queixarías da DO Arzúa-Ulloa producen tamén este queixo.

Desde a DO defenden o seu papel no territorio, nunha ampla área xeográfica centrada nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e o Deza, que tamén abrangue gandarías en Chantada, Santiago, Ordes, Betanzos, A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) e Friol, Guntín e Portomarín (comarca de Lugo). O Queixo Arzúa-Ulloa, defenden, non só xera un volume de negocio anual de 32 millóns, senón que tamén contribúe a fixar poboación no rural.

Margarida Prieto, do Sindicato Labrego Galego (SLG), afirma que "a día de hoxe, na contorna de 30 quilómetros de afectación mínima desta industria hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos". Nos catro concellos principalmente afectados contabilizan 758 granxas. Os concellos de Palas de Rei (A Ulloa), Melide (Terra de Melide), Santiso (Terra de Melide) e Agolada (O Deza) teñen 258 granxas que producen 82.193.664 litros de leite ao ano, destaca Prieto, advertindo dos postos de traballo que Altri poría en perigo no sector.

A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, alerta de que unha factoría como a de Altri “xera o risco de empeorar as calidades do produto, polas emisións que xeran estas industrias contaminantes, que van impactar nos pastos e nos acuíferos”. A produción tradicional da DO “está baseada en explotacións tradicionais de pastoreo”, di Gontá. “A posibilidade de chuvias ácidas pode mudar as propiedades organolépticas, de sabor e textura do leite e pode facer perigar as producións forraxeiras para alimento”.

Greenfiber responde

O grupo Greenfiber, formado por Altri e Greenalia, saíu onte ao paso da alegación presentada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e que recolle que o informe de 2019 da consultora Pöyry para Ence e o de Afry para o proxecto da celulosa de Altri no Ulla son contraditorios malia pertenceren os dous á mesma asesora. Segundo argumenta a empresa, "non se poden comparar dous informes elaborados con seis anos de diferenza [en realidade son dous anos] e para proxectos completamente diferentes". Altri non se refire a Ence no seu comunicado, pero sinala que “o estudo da outra fábrica da Galiza non está actualizado".


O Concello de Arzúa presenta alegacións contra a fábrica

O Concello de Arzúa conta con tres das máis importantes queixarías da zona: Barral (dentro da DO Arzúa-Ulloa), Verbas (en ecolóxico) e Galmesan (un produto gourmet de queixo de pasta cocida elaborado coa técnica dos queixos italianos). A concelleira de Turismo e Promoción Económica, Begoña Balado (PSdeG), está en contacto co sector e comparte as preocupación arredor do seu futuro se a pasteira de Altri chega a implantarse. “Somos o epicentro do queixo”, defende e lembra que o grupo de Goberno (BNG, PSdeG e Alternativa por Arzúa) presentou unha alegación ao Proxecto Gama “na que tamén falamos do impacto da celulosa na economía local, tanto a nivel queixarías como o impacto no turismo ou na gastronomía”.

A Festa do Queixo de Arzúa suma o vindeiro ano a súa 50 edición, desde o Concello traballan na súa declaración de Interese Turístico Internacional, e a ameaza da celulosa de Altri en Palas de Rei e os seus efectos nas terras agrogandeiras e na contaminación da auga e o ar supón, segundo Begoña Balado, “unha gran preocupación que compartimos co sector lácteo e coas queixarías da zona”.

Esta cuarta feira, 17 de abril, finaliza o prazo para presentar alegacións contra o proxecto da pasteira para A Ulloa. Onte mesmo, unha delegación de Galiza Nova e de Erguer-Estudantes da Galiza presentaron nun acto simbólico en Palas de Reis as arredor 5.000 alegacións recollidas por ambas as dúas organizacións xuvenís ao longo destas semanas. "O proxecto de Altri hipoteca o noso futuro e aumentará a contaminación ambiental", afirmaron, ao tempo que puñan as miles de alegacións como mostra do "rexeitamento masivo da mocidade galega" a Altri.