Altri non desbota a validez do informe que desaconsella unha pasteira no Ulla e limítase a afirmar que "os datos non son actuais"

Greenfiber, a empresa formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, rexeitou comparacións entre o estudo de impacto ambiental deste plan e o encargado no seu día sobre o traslado de Ence, que evidenciaba que o río Ulla non estaba preparado para soportar a instalación dunha pasteira.
Celbi é unha fábrica de fibras de celulosa a partir de eucalipto pertencente a Altri e que se sitúa na localidade de Figueira de Foz, en Portugal (Foto: Altri).
photo_camera Celbi é unha fábrica de fibras de celulosa a partir de eucalipto pertencente a Altri e que se sitúa na localidade de Figueira de Foz, en Portugal (Foto: Altri).

Greenfiber, a empresa formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, rexeitou comparacións entre o estudo de impacto ambiental deste plan e o encargado no seu día sobre o traslado de Ence, que evidenciaba que o río Ulla non estaba preparado para soportar a instalación dunha pasteira.

Así se pronunciou a empresa un día despois de que as Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) fixesen un chamamento conxunto á cidadanía para que siga presentando alegacións contra o proxecto da planta de Altri en Palas de Rei (A Ulloa).

Neste sentido, anunciaban unha nova alegación na que se sinalará que a mesma consultora que desaconsellaba trasladar Ence dos terreos de Lourizán en Pontevedra a outro caudal agora fixo un estudo de impacto ambiental positivo sobre Altri no río Ulla.

Aínda que sen mencionar expresamente o nome de Ence, Greenfiber defendeu nun comunicado que "non se poden comparar dous informes elaborados con seis anos de diferenza e para proxectos completamente diferentes", á vez que subliña que "o estudo da outra fábrica da Galiza non está actualizado".

Datos "non actuais", di a compañía

De feito, a compañía esgrime que a tecnoloxía de "filtración por membranas" que Greenfiber vai aplicar no proxecto Gama "non existía na industria en 2017, xa que foi aplicada por primeira vez na planta de Biotek en 2018".

Na mesma liña, subliña que o outro estudo "data de 2017/2018", mais a planta de referencia Biotek da multinacional lusa "empezou en 2018, polo que no citado estudo non hai datos da tecnoloxía posta en marcha por Altri ese ano".

Así, conclúe que os datos presentados no citado informe "non son actuais". Por iso, sostén que se permitirá que o uso específico de auga na fábrica de Greenfiber en Palas de Rei sexa "aínda moito máis inferior ao valor actual de Biotek".

Comentarios