O PP veta que se investigue no Parlamento galego o baleirado de encoros

Estado este 26 de agosto do encoro de Portomarín (Arxina)

A iniciativa foi debatida a petición do BNG e sumou o apoio dos socialistas.

O PPdeG rexeitou cos seus 42 votos a creación dunha comisión de investigación no Parlamento para analizar "as causas, consecuencias e responsabilidades" do "abrupto" baleirado de encoros, así como o impulso de medidas para compensar o ocorrido e evitar que se repita.

A iniciativa foi debatida a petición do BNG e sumou o apoio dos socialistas, mais a maioría absoluta popular impediu que saíse adiante. Como principal argumento para dicir 'non', a parlamentaria do PPdeG Marisol Díaz Mouteira, quen exerceu de portavoz no debate, esgrimiu que "a competencia é estatal" e apuntar a Madrid. "Comisión si, pero no Congreso", aseverou.

Previamente, a deputada nacionalista Noa Presas encargouse de defender a activación da comisión e puxo o foco en que, aínda que o presidente da Xunta puxo o berro no ceo co baleirado e apuntou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, posteriormente transcendeu que a Xunta "coñecía" a situación desde había "semanas".

Presas incidiu en que é preciso "depurar responsabilidades políticas" e tamén determinar como actuar nun futuro. "Un si unánime a esta comisión enviaría unha mensaxe contundente ao lobby enerxético", reflexionou.

A deputada do BNG, formación que emprendeu unha campaña coa lema 'Hai apertas que venden un país' -coa foto da aperta do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e de Feijóo no acto civil da súa toma de posesión de 2009-, insistiu en que, após a actuación da Xunta, "só pode haber incompetencia ou interese por favorecer ás eléctricas"

Tamén o socialista Pablo Arangüena defendeu que, após os pasos dados desde a Xunta, os populares deberían facilitar a apertura desta comisión, e tamén incidiu, do mesmo modo que os nacionalistas, en que estaba informada do que ía ocorrer.

"Non hai ningunha gran conivencia co Estado, o que hai é un fermoso abrazo para unha fermosa amizade de Feijóo con Sánchez Galán", dixo o deputado do PSdeG, antes de incidir en que o non dos populares a esta iniciativa só pode entenderse como "prevaricación por omisión".

O baleirado dos encoros está na Fiscalía, como adiantou Nós Diario, após a denuncia de Adega contra a Xunta e enerxéticas.