Prevaricou a Xunta co baleirado de encoros? A petición para investigar os desembalses vai ao Parlamento

A Cámara galega  debaterá a proposta do BNG para pór en marcha unha comisión de investigación que estude o acontecido co baleirado de encoros galegos por parte de empresas hidroeléctricas e as posíbeis responsabilidades do Goberno galego.
Vista do estado do encoro de Portas, o pasado 24 de agosto (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Vista do estado do encoro de Portas, o pasado 24 de agosto (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O próximo pleno do Parlamento galego, que decorrerá 28 e 29 de setembro, debaterá a proposta para pór en marcha unha comisión de investigación que estude o acontecido co baleirado de encoros galegos por parte de empresas hidroeléctricas.

A iniciativa parte do BNG, que considera que se deben "depurar todas as responsabilidades, coñecer a verdade do acontecido e pór en marcha medidas para que non se volva producir algo así". A solicitude de investigación conta co apoio do PSdeG. 

A cuestión parte de que a Xunta asegurou que non foi informada nin se lle solicitou permiso para proceder aos baleirados, un argumento que ficou enlamado ao saberse que a delegación en Ourense da Consellaría de Medio Ambiente e o 112 (servizo dependente da Consellaría de Presidencia) recibiron dúas notificacións, en xuño en xullo, da intención da empresa Iberdrola de proceder ao desembalse. Foi entón cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, restou formalidade a esas notificacións enviadas. "Non quero pensar mal, se se trata dunha estratexia pactada entre a empresa e o Goberno [estatal]" e até fixo unha brincadeira: "menos mal" que o escrito "foi enviado ao 112 e non a un centro de saúde".

Esta terza feira, 21 de setembro, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, dixo que, aínda que a súa formación reserve a súa postura para o pleno, resulta "curioso" que se pida unha investigación sobre a acción da Xunta en relación a unha "competencia estatal". Os encoros baleirados pertencen á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Estado, mais nacionalistas e socialistas sinalan que a Xunta puido cometer prevaricación ao saber que se ían producir os baleirados de encoros e non telos impedilo, pois implicaría que o Goberno galego non exerceu as súas competencias en materia de Medio Ambiente para preservar a natureza e os ríos.

Aliás, o pleno tamén debaterá unha iniciativa lexislativa popular sobre a estabilidade no emprego público e nel comparecerá o conselleiro de Medio Rural, José González, para informar de asuntos relacionados coa Política Agraria Común (PAC).

Na sesión de control, Feixoo responderá a preguntas da líder do BNG, Ana Pontón, sobre a defensa dos intereses da Galiza ante o Goberno estatal e do portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, sobre a estratexia da Xunta para a consecución de fondos europeos. 

PP e PSOE buscan alterar en Madrid o acordo galego para traspasar a AP-9

E mentres en Santiago de Compostela, na sede do Parlamento galego, se reunía a Xunta de Portavoces para concretar a orde do día do próximo pleno; en Madrid, no Congreso das e dos Deputados, botaba a andar grupo de traballo para a lei de transferencia á Galiza da AP-9.

Neste grupo de traballo debateranse as emendas ao texto orixinal acordado polos grupos no Parlamento galego. Dáse así un novo avance na tramitación dunha lei que se remonta a maio de 2017, cando foi aprobada por unanimidade na Cámara galega. Desde entón, o paso do texto polo Congreso sufriu distintos atrasos até que en febreiro deste ano, o pleno do Congreso aceptou a súa admisión a trámite, compromiso presente no acordo de investidura entre o BNG e o PSOE.

En xuño a Mesa do Congreso desbloqueou a tramitación do borrador lexislativo logo de varias prórrogas concedidas ao prazo de presentación de emendas. Agora, os partidos debaterán as emendas no grupo de traballo constituído este 21 de setembro. O foco estará na posíbel ruptura do consenso explicitado na aprobación do texto no ano 2017 no Parlamento galego, pois PP e PSOE rexistraron emendas ao documento orixinal. O PP defende incluír no texto mecanismos que garantan que o traspaso vaia acompañado de recursos económicos do Estado, cuestión técnica que compete habitualmente á comisión Mixta Galiza-Estado e non á propia lei.

O PSOE quere coas súas emendas que a titularidade da infraestrutura quede en mans do Estado e a Xunta reciba só as competencias de xestión, O viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, afirmou este 21 de setembro que se abre agora un período de negociación coa posibilidade de chegar a consensos no grupo de traballo.

O BNG, que non presentou emendas ao texto para manter fidelidade ao acordo da Cámara galega, acusa PP e PSOE de apartarse do consenso logrado na Galiza.

Comentarios