Denuncian na Fiscalía a Xunta e as eléctricas polo baleirado dos encoros

Encoro de Cenza o 24 de agosto. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Posíbel prevaricación por parte do Goberno na xestión do baleirado dos encoros de Cenzas e Portas, advirte Adega, que reclama depurar responsabilidades no eido xudicial tanto da Xunta como de Iberdrola e Naturgy.

Logo do baleirado de varios encoros da bacía hidrográfica Miño-Sil en xullo e agosto, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de comunicar que decidiu interpor unha denuncia na Fiscalía en contra da Xunta da Galiza e das empresas Iberdrola e Naturgy.

A primeira é concesionaria dos encoros de Cenza e Portas, ambos no concello de Vilariño de Conso (comarca de Viana), que sufriron unha baixada de caudal “particularmente grave e brusca”, apunta, que os levou a non superar o 15% da súa capacidade.

No caso de Naturgy, que xestiona o encoro de Salas no concello de Muíños (comarca da Baixa Limia), e mailo de Belesar (entre Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín), a capacidade das infraestruturas baixou até o 30%, un nivel que en 2020 non alcanzara até finais de outubro.

A entidade ecoloxista destaca que as sociedades demandadas resolveron rebaixar os caudais “en plena época de estiaxe para producir electricidade cando o seu prezo acadaba máximos anuais”.

O Regulamento de pesca fluvial obriga as concesionarias a comunicar á Xunta da Galiza calquera operación que implique unha diminución do 80% do volume de auga encorada, por mor das competencias exclusivas que ostenta sobre o medio ambiente da zona na que se sitúan os encoros, así como sobre a pesca nos ríos. Ademais, a norma estabelece que estes baleirados teñen que efectuarse como mínimo un mes despois da comunicación.

No que atinxe aos encoros que sufriron unha maior baixada, Cenza e Portas, a asociación sinala que a Xunta foi informada o 10 e 12 de xullo das intencións de Iberdrola. Así e todo, a empresa non agardou o prazo mínimo e procedeu a deixar os encoros por baixo do 20% só 12 días despois de comunicalo, no caso de Portas, e 25 días despois no encoro de Cenza.

Efectos no medio ambiente

Ao non respectar os prazos legais, “o ecosistema fluvial e a fauna puideron verse afectados”, advirte Adega, que indica no documento remitido o pasado 10 de setembro á Fiscalía que é preciso investigar se a concesionaria incorreu nun delito contra a protección da fauna e da flora, de danos aos recursos naturais e ao ambiente, e contra valores naturais de espazos protexidos como a Rede Natura 2000, na que se encadra o ZEC Macizo Central. Todos eles tipificados no Código Penal.

Posíbel prevaricación da Xunta da Galiza

Outro dos delitos tipificados, nesta ocasión no artigo 329, é o de prevaricación por omisión. Este presunto delito, defende Adega, é o que tería cometido a Xunta após tardar en enviar os servizos técnicos de Medio Ambiente a revisar os encoros 70 e 38 días (Cenza e Portas) despois de ser alertada.

Isto supón un “grave deixamento de funcións por parte da Xunta, logo de renunciar á súa capacidade inspectora”, inciden, xerando “un máis que posíbel resultado de danos aos recursos piscícolas, ás especies protexidas e aos recursos naturais da ZEC Macizo Central”.