O PP rexeita mocións para protexer o monte comunal

Repoboación do monte comunal de Padróns (Ponteareas) con especies autóctonas da man das brigadas deseucaliptizadoras (Foto: Verdegaia).
O Grupo Popular tombou onte no Parlamento da Galiza dúas mocións do BNG que, entre outras cuestións, propuña á Xunta que iniciase a tramitación de novas leis.

O Grupo Popular tombou onte no Parlamento da Galiza dúas mocións do BNG que, entre outras cuestións, propuña á Xunta que iniciase a tramitación de novas leis, unha sobre montes veciñais en man común e outra sobre participación dos Concellos no financiamento autonómico.

A primeira moción a debate foi a dos montes veciñais, defendida pola nacionalista María González Albert e que incluía unha petición ao Goberno galego para que redactase un novo texto lexislativo que incorpore como "liñas mestras" o reforzo do "carácter xermánico" e do "funcionamento asembleario e democrático" nestas comunidades.

"Pretenden usurpar a propiedade veciñal"

Do mesmo modo, solicitaba "corrixir" as medidas instauradas na lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2022, que "pretenden usurpar" a propiedade veciñal dos montes en man común "tanto ao seu paso ao público como para a súa privatización de facto".

Pola súa banda, o Grupo Socialista promoveu unha emenda que quedou rexeitada en que solicitaba crear un 'Consello de Comunidades de Montes Veciñais' para "reforzar o carácter asembleario" da súa xestión. 

Financiamento municipal

Por outra parte, tampouco saíu adiante outra moción dos BNG que, entre outros asuntos, solicitaba a redacción dunha lei galega consensuada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que os concellos participen nos ingresos do país e que clarificase os "criterios de repartición" dos fondos. Así o defendeu o deputado nacionalista Luís Bará.

Por parte do Grupo Socialista, que apoiou a moción do Bloque, Begoña Rodríguez Rumbo afeou o voto en contra dos populares: "Resulta curioso que o PP se denomine municipalista cando a realidade é que é  municipalista cos concellos gobernados polo PP".