O PP denega dar información sobre a fusión das caixas

A comisión de investigación leva unha década sen actividade.
De esquerda a dereita, José Luis Méndez López (Caixa Galicia), Julio Fernández Gayoso (Caixanova), Alberto Núñez Feixoo (Xunta da Galiza), Mauro Varela (Caixa Galicia) e José Luis Pego (Caixanova). (Foto: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, José Luis Méndez López (Caixa Galicia), Julio Fernández Gayoso (Caixanova), Alberto Núñez Feixoo (Xunta da Galiza), Mauro Varela (Caixa Galicia) e José Luis Pego (Caixanova). (Foto: Europa Press)

O PP galego rexeitou unha iniciativa do PSdeG —transaccionada co BNG— para que se remita á Cámara galega calquera información vinculada ao informe de KPMG —empresa que ofrece servizos de auditoría— baixo o cal a Xunta amparou a fusión das antigas caixas galegas —Caixanova e Caixa Galicia—.

Na Comisión de Economía desta sexta feira no Parlamento galego, os populares denegaron esta proposta que tamén pedía enviar á Cámara un informe no cal se avalíe "como e quen" optou por forzar unha fusión que levou á desaparición de Caixanova e Caixa Galicia, á vez que se demandaba pór en funcionamento "de modo inmediato" a comisión de investigación das caixas, que vai cumprir unha década sen actividade desde a súa posta en marcha.

"Chove sobre mollado"

Na súa intervención, a deputada do BNG Noa Presas lamentou que "chove sobre mollado" acerca dunha fusión que foi "un desastre desde o punto de vista económico e social". Razoa que se o PP non tivese "moito que ocultar ou perder", "non levaría anos obstaculizando" a comisión de investigación.

A deputada nacionalista opina que "só cando entre ar novo en San Caetano será posíbel" poder ver que aconteceu coa fusión. Considera que "obedecía a unha estratexia estatal de que a Galiza non contase con músculo financeiro propio".

Pola súa parte, Gonzalo Caballero (PSdeG) censurou que Alberto Núñez Feixoo deixou unha Galiza "co pufo" das caixas, no que considera unha "páxina nefasta", polo que o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten que decidir explicar "que pasou" ou "seguir sendo cómplice do maior buraco nas arcas públicas", afirma.

Por parte do PP galego, o seu deputado, Alberto Pazos Couñago, cargou contra o bipartito dicindo que "coñecían o mal estado das caixas e calaron".

Comentarios