O PP veta a comisión de investigación sobre o 'Álvaro Cunqueiro' e presume de Hospital: “Está construíndo e funcionando”

Concentración perante o Parlamento

Os populares usaron a súa maioría absoluta para vetar a proposta de BNG e AGE. Ás portas do Parlamento, persoal do novo centro pediu a demisión da conselleira de Sanidade.

Non haberá comisión de investigación sobre o novo Hospital de Vigo malia a concatenación de “erros” e “polémicas” que acompañan o complexo e que foron en aumento desde a súa inauguración. O PP botou man da súa maioría absoluta para botar polo chan a proposta de BNG e AGE de que se crease esa comisión. “O Hospital está construído e o Hospital está funcionando”, afirmou na súa comparecencia Miguel Santalices (PP), que aproveitou para acusar de irresponsábel a oposición polo seu alarmismo, dixo.

Montse Prado (BNG) lembrou que o do novo hospital de Vigo está desde que goberna o PP “envolto no escándalo, sospeita e polémica”. Puxo a actuación do executivo aquí como exemplo da política de privatización da sanidade e de agresión ao público. Lembrou a deputada o desfase orzamentario, ao pasar de 400 millóns de euros a máis de 1.300 millóns ao que sumou a externalización da xestión da supervisión das obras que foi adxudicada a unha empresa que posteriormente volveu adxudicar a outra   por valor de catro millóns de euros, “unha empresa privada intimamente vinculada ao Partido popular”.

Eva Solla (AGE) tamén denunciou as carencias e deficiencias materiais e humanas do novo complexo. O PSOE apoiou a proposta de BNG e AGE sinalando que após todo o acontecido “esta comisión de investigación é indispensábel”.

Mais desde o PP actuouse a respeito desta petición de comisión como se actuara hai uns meses sobre a petición no mesmo senso realizada pola Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública, rexeitándoa. Toda a acusación lle lembrou que hai uns días 200.000 persoas saíran á rúa en Vigo na defensa dun modelo de sanidade pública para o Álvaro Cunqueiro.

Mentres decorría o debate no Parlamento, ducias de persoas se concentraban perante a Cámara en apoio á sanidade pública e para pedir a demisión da conselleira da Sanidade pola súa xestión a respeito do Hospital de Vigo.