O PP ourensán tamén pide explicacións a Xácome pola elección do rei Baltasar condenado por abusos sexuais

A cabalgata de Ourense en 2022 na que os Reis Magos tamén se desprazaban sobre dromedarios. (Foto: Rosa Veiga, Europa Press)
Esta terza feira, os populares criticaron que "unha vez máis" a información e transparencia do Goberno municipal "brilla pola súa ausencia", polo que sinalan como "urxente" a convocatoria da xunta de portavoces e da xunta de área correspondente "para pór sobre a mesa todos os datos necesarios".

O grupo municipal do Partido Popular de Ourense sumouse a PSOE e BNG na súa petición de explicacións ao rexedor municipal, Gonzalo Pérez Xácome, ante o que consideran "escurantismo" pola elección do rei Baltasar na cabalgata de Reis, que personificou un home condenado por abusos sexuais.

Esta terza feira, os populares criticaron que "unha vez máis" a información e transparencia do Goberno municipal "brilla pola súa ausencia", polo que sinalan como "urxente" a convocatoria da xunta de portavoces e da xunta de área correspondente "para pór sobre a mesa todos os datos necesarios".

Indican ademais que "non existe información oficial do que sucedeu para proceder a adoptar as medidas oportunas" e que "o que pasou é algo que nunca debería suceder", en alusión á elección para facer de Baltasar na cabalgata dun home condenado en dúas ocasións por abusos sexuais.

Os populares únense desta forma ao Partido Socialista e ao Bloque Nacionalista Galego que xa solicitaran con carácter urxente unha Xunta de Portavoces no concello ourensán.

O primeiro en facelo foi o Bloque que na segunda feira rexistrou un escrito para a convocatoria urxente "dada a ampla polémica e alarma social" suscitada por este episodio, segundo explicaron nun comunicado.

Uns feitos que os nacionalistas consideran "moi graves" e esperan que o Goberno local achegue explicacións "sobre cal foi o procedemento seguido á hora de escoller as persoas participantes na comitiva e os motivos polos cales non se exixiu a documentación de non contar con antecedentes por delitos sexuais".

A pesar de todo, o portavoz nacionalista, Luís Seara, dixo non sentirse "especialmente optimista" respecto da Xunta de Portavoces, aínda que si en que "o tema vaia ao Pleno ordinario" desta mesma sexta feira.

Os socialistas tamén se adheriron á petición e a súa portavoz municipal, Natalia González, insistiu na necesidade de que o alcalde "ofreza unha comparecencia pública e urxente" porque o ocorrido coa cabalgata "é un escándalo máis".

Así o dixo González nunhas declaracións publicadas en redes sociais nas que cualificou de "gravísimo" que un dos integrantes da comitiva "fose seleccionado a propósito ou posibelmente a propósito, porque é unha persoa coñecida en Ourense polos seus antecedentes penais vinculados á violencia machista".

Ourense e Fitur

Noutra orde de cuestións, Gonzalo Pérez Xácome afirmou que o Concello de Ourense non asistirá este ano a Fitur, a feira internacional de turismo que se realiza a finais de xaneiro en Madrid.

Asegurou que non realizará a habitual "autopresentación" da cidade porque "é unha actividade estéril, endogámica e custosa".

Do mesmo modo, o alcalde explicou esta terza feira que participou nas dúas edicións anteriores porque era o Partido Popular quen xestionaba a área de turismo e termalismo do Concello, "e sempre apostou por esta actividade".

Con todo, relatou que, ao acudir "a dar o ‘speech’ como alcalde", o que viu é que "claramente é algo endogámico porque as persoas que escoitan e ven esas presentacións son xente de Ourense e, como moito, algún galego de paso".