Cita previa e distancia física: os requisitos na Fase 0 para o pequeno comercio e a restauración

O 4 de maio comeza a fase 0 do plan de desescalada (Imaxe: Arxina).
Restaurantes e bares poden abrir para entregar presencialmente os pedidos á clientela. Nos salóns de peiteado será obrigatorio o uso de equipos de protección individual.

Este domingo o Boletín Oficial do Estado (BOE) extraordinario inclúe unha orde ministerial na que se detallan as medidas da fase 0, a primeira do plan desescalada que entra en vigor este 4 de maio. Outra orde estabelece a obligatoriedade de levar máscaras que cubran boca e nariz no transporte público, que realizará o servizo á metade da súa capacidade.

As normas atinxen principalmente ao comercio minorista e mais aos estabelecementos hostaleiros, mais tamén á apertura dos arquivos públicos ou a práctica profesional do deporte. Debullamos esas medidas a continuación:

Reapertura dos estabelecementos e comercios minoristas

Na fase 0 poderán abrir salóns de peiteado, obradoiros de arranxo de roupa ou calzado, entre outros. A apertura comercial só afecta aos comercios e estabelecementos minoristas, coa excepción dos que teñan locais de máis de 400 metros cadrados, que cumpran os seguintes requisitos:

Estabelecerán un sistema de cita previa e cada empregada atenderá a unha única clienta. A maiores, poderán habilitar sistemas de recollida no local dos produtos adquiridos sempre que garanta que non se producirán aglomeracións no estabelecemento ou na súa entrada.

O horario de atención preferente a maiores de 65 anos coincidirá co das súas saídas, de 10 a 12 horas pola mañá e de 19 a 20 horas pola tarde.

A clientela deberá permanecer no comercio o estritamente necesario e contar con xel de mans a súa disposición.

Permitiranse os desprazamentos en vehículo até os comercios e estes só poderán realizarse fóra do propio municipio cando neste non se atope o produto necesario.

Realizaranse, como mínimo, dúas limpezas e desinfeccións das instalacións ao día empregando desinfectantes e facendo fincapé nas superficies de contacto máis frecuentes coma os pomos das portas. Unha levarase a cabo obrigatoriamente ao finalizar a xornada.

Se o espazo do estabelecemento non permite gardar a distancia física de seguridade, instalaranse mostradores ou mamparas. O persoal deberá empregar máscaras cando non se poida situar a máis de 2 metros da clientela e contar con xel de mans ou xabón á súa disposición. As quendas e horarios axustaranse para manter estas condicións de seguridade.

Nos salóns de peiteado será obrigatorio o emprego de equipos de protección individual para as profesionais.

Restaurantes e bares, sen consumo no local

Na fase 0 aínda non se permite o consumo nos propios estabelecementos de restauración. Permitiranse servizos de entrega a domicilio, nos que se poderá fixar un reparto preferente para a poboación máis vulnerábel á COVID-19, como as maiores de 65 anos.

A clientela deberá realizar o pedido por teléfono ou por internet e o local fixará o horario de recollida de forma que se eviten amoreamentos. Habilitarase e sinalizarase o espazo da recollida e pagamento dos mesmos.

Instalaranse pantallas ou mostradores nos locais nos que non sexa posíbel manter as distancias de seguridade.

Coma nos comercios minoristas, cada traballadora atenderá a unha única clienta. Se o local pode acoller a máis dunha persoa, sinalizaranse as distancias de seguridade. A maiores, porase a súa disposición xel de mans.

O persoal deberá contar cos equipos de protección axeitados, tales como máscaras, e ter xel de mans ou auga e xabón á súa disposición.

Apertura de arquivos públicos

Os arquivos públicos tamén reabrirán as súas portas a partir do 4 de maio baixo determinadas condicións. Presentarán os seus servizos preferentemente por vía telemática, tamén cando a dixitalización das publicacións o permita.

Cando sexa imprescindíbel, as usuarias consultarán presencialmente os documentos, cun máximo de 10 por xornada de traballo e nas dependencias axeitadas para esa fin. Terán preferencia os documentos que deban aportarse en procesos xudiciais ou administrativos e os documentos consultados ficarán en corentena durante un prazo mínimo de 10 días.

Os arquivos que non conten con dependencias que permitan seguir as normas de seguridade non están obrigados a prestar os seus servizos.

Deporte profesional e federado

As deportistas profesionais de alto nivel poderán adestrar ao aire libre e dentro dos límites da súa provincia de residencia. Permíteselles acceder aos espazos nos que realicen a súa práctica, mar, río, embalses entre outros, co equipamento necesario.  

Serán as federacións as encargadas de acreditar as deportistas, profesionais o non, para a práctica deportiva. Ás profesionais de alto nivel poderá acompañalas a súa adestradora e as deportistas de modalidade paralímpica poderán adestrar xunto a outra profesional.

As profesionais do deporte cualificadas de alto nivel poderán adestrar o tempo necesario, mentres que as demais deportistas federadas poderán facelo de xeito individual e dúas veces ao día, entre as 6 e as 10 horas e as 20 e as 23 horas, no concello no que residen.

Os centros e instalacións de clubs deportivos só poderán acoller adestramentos básicos individualizados e mantendo as medidas de seguridade e hixiene.