Xustiza

A potencia eólica paralizada polo TSXG só representa 3,5% da solicitada polas enerxéticas na Galiza: estas son as afectadas

Capital Energy, Greenalia e Enel son as primeiras empresas en potencia suspendida. (Infografía: Nós Diario).

O TSXG deu a coñecer na cuarta feira a suspensión  cautela os parques eólicos de Ventumelo, na Ribeira Sacra, Porto Vidros, na comarca de Pontevedra, e Banzas, na Barcala e Xallas. O tribunal galego deberá resolver nos próximos meses sobre a paralización dun total de 61 proxectos que suman arredor de 3.000 MW.

Até 61 proxectos eólicos cunha potencia estimada de arredor de 3.000 megawatts (MW) agardan por un auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A totalidade destas instalación foron recorridas no último ano por diferentes colectivos de persoas afectadas, entidades ecoloxistas ou institucións -particularmente Concellos-, que consideran que a súa tramitación ou licenza non se axustan ao disposto pola lexislación vixente. Neste sentido, entenden, maiormente, que boa parte destes foron fragmentados en varios proxectos para evitar a aplicación da normativa ambiental e seren sometidos a procedementos de control máis esixentes.

Os colectivos afectados polos parques eólicos e a patronal do sector coinciden no número de parques e potencia actualmente recorrida diante do TSXG. Mentres os primeiros cifran en declaracións a Nós Diario en máis de 60 os proxectos en litixio e adiantan novas impugnacións, a Asociación Eólica da Galiza sinala nun comunicado que “uns 60 proxectos de aeroxeradores, que supoñen arredor de 3.000 MW de potencia, están afectados pola súa xudicialización”. Nesta dirección, o número de instalacións recorridas na Galiza son inferiores ás doutras comunidades con forte presión eólica, como Aragón, onde desde xuño de 2022 se teñen recorrido só na provincia de Teruel 114 proxectos cunha potencia de 6.000 MW.

O recurso á fragmentación

O recurso á fragmentación para eludir os controis ambientais converteuse nunha práctica habitual no sector eólico. A este respecto, a Administración galega vén rexeitando de modo recorrente a asunción desta posición na fase do tramite administrativo de exposición pública, malia a ser un suposto de nulidade recollido pola lexislación e estar referendada pola xurisprudencia do Tribunal Supremo. Nesta liña, a práctica totalidade dos proxectos anulados polo TSXG atenden a esta consideración, estando este criterio tamén presente en boa parte dos autos de suspensión cautelar.

As sentenzas pioneiras nesta materia na Galiza xa se fundamentaban nesta cuestión. Así, por exemplo, nos autos de paralización dos parques eólicos de Campelo e Bustelo, situados nos concellos de Carballo e Coristanco (Bergantiños) e Santa Comba (Xallas), o TSXG afirma que a “concorrencia de fragmentación artificial” é contraria a dereito e impide “unha avaliación ambiental acaída dos proxectos”. Nesta dirección, concreta que “cada parque eólico debe ser individualmente considerado desde unha perspectiva unitaria, isto é, que conte cos elementos e os equipamentos necesarios para que poida considerarse unha instalación independente”.

A xurisprudencia do TS

A liña xurisprudencial seguida nesta materia polo tribunal galego é análoga á aplicada noutras comunidades e polo alto tribunal estatal. Sen ir máis lonxe, xa á volta de xullo de 2011,o Tribunal Supremo, nunha sentenza ditada en relación co parque eólico Cuerueña II, no concello de Riello, en León, declaraba que a avaliación de impacto ambiental das instalacións eólicas debe contemplar o impacto sinérxico de todos os parques e non "pode ser eludida mediante a artificiosa división ou segregación do parque eólico en varios proxectos de execución, coa finalidade de obter declaración de impacto ambiental favorábel en fraude de lei".

Uns autos lóxicos

Os autos emitidos polo TSXG atenden de vello a esa orientación, polo que aos xuristas que levan traballando desde hai anos nestes procedementos non lles sorprende as resolucións emitidas polo tribunal galego desde a sentenza do Supremo de 22 de decembro de 2023 sobre o parque eólico de Corme (Ponteceso, Bergantiños). Neste punto, o avogado e director de Pérez-Lema asociados, un dos despachos xurídicos con máis experiencia en cuestións eólicas, Xoán Antón Pérez Lema, explica a Nós Diario que “a cerna das impugnacións xudiciais e das paralizacións dos proxectos nunca foi a ausencia dos informes previos senón os defectos materiais dos proxectos como a vulneración da lexislación ambiental ou a fragmentación”.

As razóns materiais

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista na materia, Fernando de Abel, sinala a Nós Diario que “a ausencia de informes sectoriais previos foi un dos argumentos empregados nos autos de paralización de proxectos eólicos polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza”. Porén, destaca que “na maioría dos casos, como os parques de Greenalia de Campelo, Bustelo e Monte Toural (Bergantiños e Xallas), a razón de fondo é a indebida fragmentación dun único parque en varios”. Nesta dirección, Fernando de Abel apunta a que “a segregación indebida dos proxectos é unha das razóns centrais que está nas impugnación formuladas ás instalacións eólicas polo conxunto dos colectivos afectados”.

A calidade da DIA

Fernando de Abel lembra que “os estudos de declaración de impacto ambiental (DIA) dos parques eólicos son estudos moi febles, onde non se adoitan recoller de maneira axeitada todos os impactos ambientais que se derivan da execución do proxecto”. Nesta liña, o profesor considera que “os problemas de seguridade xurídica derivan do modo de tramitar os proxectos por parte da Xunta da Galiza, con escaso rigor e coa intención de favorecer unha das partes interesadas no procedemento”.

Capital Energy, Enel, Wind Hero e Greenalia as eólicas con máis potencia suspendida

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou a paralización de 19 complexos eólicos cunha potencia instalada de 486,1 megawatts (MW) no que vai de ano. As diferentes compañías eólicas teñen actualmente na Galiza en diversas fases de tramitación 13.705 MW, polo que a potencia en paralizada representa 3,5% de toda a proxectada no país. A madrileña Capital Energy, a italiana Enel e a coruñesa Greenalia son as tres compañías con máis proxectos suspendidos de modo cautelar.

Capital Energy e Greenalia foron as grandes vencedoras no proceso de adxudicación de 1.985 MW eólicos autorizados polo Goberno galego entre os últimos meses de 2022 e o 24 de xaneiro de 2023. A primeira delas, propiedade de Jesús Martín Buezas, ex xenro do empresario e presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, recibiu 573,4 MW. A segunda, participada maioritariamente polo familia Pardo e de cuxo consello de administración fan parte os antigos conselleiros da Xunta da Galiza co PP, Beatriz Mato e Antonio Couceiro, logrou 246,4 MW. Os últimos autos do TSXG paralizaron 142,2MW a Capital Energy, e 48,7 MW a Greenalia, sendo con Enel e Wind Hero, as catro empresas con máis proxectos suspendidos de modo cautelar.

A potencia eólica en diversas fases de tramitación na Galiza suma 13.705 MW. En 9.026 MW deles a competencia é da Xunta da Galiza e na restante do Goberno o Estado, a quen corresponde autorizar todos os proxectos de 50 ou mais MW. A maiores, as empresas enerxéticas pretenden situar no país outros 6.500 MW de eólica mariña.