Pontón denuncia o "bochorno democrático" da visita do emérito a Sanxenxo

A portavoz nacional do BNG este sábado en Lalín. (Foto: Nós Diario).
A líder nacionalista aproveitou a súa visita a Lalín para denunciar os escándalos de corrupción que rodean Juan Carlos I.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou o "bochorno democrático" que supón a visita do rei emérito a Sanxenxo e insistiu en que as institucións non están "para branquear" e indicou a necesidade de abrir unha comisión de investigación no Congreso para aclarar os "casos de corrupción" que rodean a Casa Real.

"Institución anacrónica"

"Temos moi claro que a monarquía é unha institución anacrónica, antidemocrática e, a Casa Real española, se por algo se caracterizou, é por estar envolta en escándalos de corrupción", manifestou Pontón, en declaracións aos medios durante a súa visita este sábado a Lalín.

"É evidente que é un rei emérito á fuga, que hoxe está a facer de regatista en Sanxenxo nun barco como o 'Bribón', creo que en si mesmo xa case é unha definición do que estamos a ver. E é un bochorno democrático que os galegos non nos merecemos", acrecentou.

"Lamentabelmente, vemos como hai poderes económicos e as propias institucións tentando tapar a corrupción da Casa Real en lugar da transparencia", sentenciou.

"O modelo BNG"

Durante a súa visista á localidade de Lalín, a nacionalista incidiu na necesidade de "ampliar o máximo posíbel" a implantación do "modelo BNG, un modelo de éxito" a toda a Galiza. "Temos un concepto da política ampla, das maiorías para as maiorías" aseverou.

"O BNG ten claro que as próximas municipais son un reto moi importante e queremos afrontalas escoitando o que as cidadanía dos concellos ten que contarnos e cales son as súas aspiracións e preocupacións", manifestou Pontón.