Pontevedra, Soutomaior e Ponte Caldelas loitarán na rúa contra a "invasión eólica"

Demetrio Gómez amosa un documento coa convocatoria. (Foto: BNG)
O BNG da comarca chama á veciñanza a participar na marcha convocada para este domingo, 13 de xuño, ás 10 horas. A mobilización comezará na Cruz do Brasil, en Ponte Caldelas, e rematará no parque forestal da Fracha.

Mentres os proxectos para crear parques eólicos na Galiza chegan da terra ao mar, a cidadanía segue a sumar protestas contra esta industria en crecemento no país que deixa danos ecolóxicos e medioambientais e fornece pouco o nulo retorno para as economías locais.

Se este pasado domingo Monfero asistía á creación dunha plataforma contra os parques e hai uns días Moeche amosaba a súa preocupación pola información que atopara na internet, agora é a veciñanza de Pontevedra, Ponte Caldelas e Soutomaior a que ten a oportunidade de loitar contra a "invasión eólica" nas rúas.

O BNG da comarca vén de convocar unha marcha de protesta para o próximo domingo, 13 de xuño, en protesta pola afección destes aeroxeradores na contorna.

O responsábel comarcal do Bloque, Demetrio Gómez, fixo referencia nesta terza feira a unha zona moi importante do municipio de Pontevedra como é o parque forestal da Fracha, que "se ve ameazado por un dos aeroxenerados na area de descanso de Outeiro-Navío, en Marcón".

Gómez sostivo que, fronte á política actual diante desta industria, o Bloque Nacionalista Galego demanda “un plan eólico xusto, sustentábel e galego, que sexa respectuoso co medio e coas persoas que viven no rural".

Así falou da necesidade dun "modelo que reverta a riqueza no territorio, que garanta que teñamos un monte multifuncional e produtivo e unha tarifa eléctrica propia que redunde en beneficio tanto dos consumidores domésticos como da industria”.

Estas ideas púxoas en contraposición co "modelo eólico depredador do PP, que só busca beneficiar ás grandes multinacionais eléctricas, coas que mantén intereses moi intensos". Desta forma fixo referencia, por exemplo, á ligazón da ex conselleira Beatriz Mato coa empresa Greenalia.

Con este contexto como punto de partida ideolóxico e a Cruz do Brasil (Xustáns, Ponte Caldelas) como punto de partida da protesta, as participantes achegaranse até Marcón para "poder comprobar a zona de afectación dos proxectos eólicos que ameazan unha ampla zona dos tres concellos".