martes 22/06/21

Moeche denuncia o escurantismo dos seis proxectos eólicos que ameazan o municipio

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, asegura que procuran "información aquí e acolá para saber como nos afectará este boom eólico". "Non é fácil porque hai pouca dispoñíbel e é difícil de atopar", engade. Por iso, van intentar achegar algúns datos á veciñanza.
Un eólico nun monte do interior do país. (Foto: Nós Diario) #eólicos #parqueeólico #galiza #enerxía
Un eólico nun monte do interior do país. (Foto: Nós Diario)

Preocupado pola ameaza de até seis parques eólicos en distintas etapas de tramitación, o Concello de Moeche anunciou esta segunda feira que vai promover encontros coa cidadanía para informala sobre os proxectos, na medida do posíbel da man das empresas responsábeis. A principal preocupación desta Administración local é a falta de transparencia coa que se levan todos os plans, algo que amosan as palabras da alcaldesa, Beatriz Bascoy, cando fala de como fixeron para conseguir os poucos datos que teñen no Goberno municipal.

Desde esta localidade nas proximidades de Ferrol din que teñen coñecemento de polo menos cinco iniciativas de aproveitamento eólico que afectan ao territorio, mais nin a Xunta, nin a Administración central nin as propias empresas facilitaron ao Concello saber dos seus plans.

O Goberno local trasladou hoxe, a través dun comunicado, que dadas as novas que están a saír á luz fixeron unha “traballosa busca na rede”.

“A información concreta dos lugares, o número de muíños e outras infraestruturas que levan aparelladas -pistas, liñas de evacuación, subestacións, etc.- son unha incógnita na maior parte dos casos (incluso para o Concello) mentres o Estado ou a Xunta, os dous organismos competentes para a concesión das autorizacións, non inicien o trámite de exposición pública, intre no que tanto as veciñanza como o propio consistorio poderán coñecer con todo detalle o alcance destes proxectos e presentaren as alegacións que estimen oportunas”, remarcan.

A rexedora, Beatriz Bascoy, sabe que hai cinco polígonos deste tipo en marcha pero tamén soa un sexto proxecto.

Firmas vinculadas á Xunta

O que está máis claro, comenta, é que a portuguesa EDP Renovábeis ten en mente o Parque Eólico Carbeira e Greenalia Green Power -que vén de ascender á ex conselleira Beatriz Mato dentro da súa estrutura- o parque Nordés.

Atoparon tamén os nomes Parque Eólico Moeche, de Enerxías Renovábeis do Noroeste SLU, e Parque Eólico das Loibas e Ulfe-Ventureiro, estes dous últimos pertencentes á eléctrica Iberdrola.

“Habería un sexto proxecto impulsado por Enel do que non é posible obter na rede nin dimensións nin tampouco cartografía que permita saber como se pretenden distribuír polo territorio”, engade o comunicado.

"Os concellos buscamos información aquí e acolá para saber como nos afectará este boom eólico que parece que nos vén enriba. E non é fácil, porque hai pouca dispoñible e é difícil de atopar. Nos últimos días tamén houbo empresas que solicitaron información sobre as cualificación do chan e licenzas para a instalación de medidores do vento e, deste modo, imos facéndonos pouco a pouco unha idea de como quedaría Moeche en canto a proxectos que aspiran a obter autorización", comenta a alcaldesa, proxectando unha visión de falta de claridade á hora de dar pé a estes proxectos.

Advertencia á veciñanza

A inquedanza polas veciñas e veciños é tal que mesmo piden á xente que non se “apresure a vender” e a “asinar contratos” se alguén os visita por un principio de “prudencia”. Para a representante do Executivo local, é básico que “antes de asinar nada, por moi bonito que llelo pinten” busquen asesoramento especializado “de persoas da máxima confianza”.

“Debemos ter en conta que non se trata de proxectos precisamente pequenos. Todos os parques pasan dos 50 MW de potencia, con muíños de máis de 120 metros de altura e cunhas repercusións paisaxísticas e económicas en canto a produción que deben ser avaliadas e valoradas con detemento", advirte Bascoy, que reclama información da Xunta e do Estado español.

Unidas Podemos e a Serra da Groba

Por outra parte, Unidas Podemos participou nun debate sobre o parque eólico da Serra da Groba no que defendeu que a transición enerxética ten que ser "xusta" para a poboación.

"Apostamos por un modelo que favoreza o autoconsumo, a distribución e o desenvolvemento territorial", sinalou o deputado de Galiza en Común, Antón Gómez Reino.

comentarios