Pontevedra será a sede dun encontro internacional de expertos en planificación urbana

Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Europa Press)
O congreso, que se planificará nas vindeiras xornadas, terá lugar entre o 27 e o 30 de setembro. Após Ámsterdam, Estocolmo e Valencia, a cidade do Lérez acollerá a cuarta edición.

Pontevedra acollerá do 27 ao 30 de setembro un encontro de expertos mundiais sobre planificación urbana. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu esta cuarta feira ao Consello internacional da fundación Placemaking Europe, que durante dous días fará a planificación do cuarto Congreso internacional da institución.

A temática, os relatorios, os proxectos e os prazos de presentación e inscrición determinaranse nas reunións que o Consello internacional da institución organizadora manterá na cidade durante as dúas xornadas.

Pontevedra sucederá a Ámsterdam, Estocolmo e Valencia, sedes anteriores deste congreso internacional que reflexiona sobre o futuro das cidades e que dará cita a preto de 400 profesionais.

Lores agradeceu a Ramón Marrades, responsábel de Placemaking Europe, que decidise facer o congreso en Pontevedra. "Estamos ilusionados porque aínda que levamos 22 anos traballando na recuperación da cidade para as persoas e en facela sustentábel, é un proceso dinámico que non se acaba nunca", declarou o rexedor pontevedrés.

Segundo explicou o director da fundación, a realización do congreso en Pontevedra débese a dúas razóns. A primeira delas é "coñecer os contextos e a transformación levada a termo en Pontevedra nos últimos anos".

A segunda, sinalou, a intención de "compartir os propios éxitos e fracasos", xa que, segundo afirmou Marrades, as disciplinas coas que traballan son "cambiantes" e deben repensarse "para ser capaces de desenvolver cidades mellores a escala urbana e baseadas en cousas que sexan interesantes".

Ramón Marrades chegou á cidade do Lérez acompañado de oito membros máis do Consello internacional da fundación que preside; entre eles Fredrik Lindstal, empresario e presidente do Consello de administración dos portos de Estocolmo, ou Vivian Doumpa, urbanista e xeógrafa.

O alcalde da cidade e parte do Consello internacional da fundación estiveron na conferencia de Urbtopías, que decorreu a quinta feira na Igrexa de Santa Clara, que se estreou como novo espazo cultural da cidade.