MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES, ALCALDE DE PONTEVEDRA

“A ONU recoñece en Pontevedra un modelo urbano pensado para as persoas”

O Premio Hábitat da ONU recoñece o modelo urbano de Pontevedra, unha cidade que, segundo o seu alcalde, gañou en calidade de vida cun proxecto integral pensado para a cidadanía. Miguel Anxo Fernández Lores explica as razóns que levaron á ONU a galardoar o modelo de Pontevedra, o único proxecto europeo premiado.

Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores

-De todos os premios recibidos por Pontevedra, en que é especial o da ONU?

É o primeiro á que nos candidatamos como concello. En todos os outros premios fomos presentados por asociacións ou polas propias entidades que convocaban. É o caso da Accesibilidade por parte de Cogami, o de Seguridade Vial por Stop Accidentes ou o Intermodes no que desde Bruxelas recoñeceron iniciativas como Metro Minuto ou o modelo urbano. A ONU creou o Hábitat para promover a cohesión social, a calidade de vida e a integración social en todo o mundo. Desde 1995 convócase o premio que sufraga o concello de Dubai, onde se aprobou a primeira declaración de Hábitat. En todos os Estados hai un comité Hábitat formado pola administración que, no caso español, está no Ministerio de Fomento. Remitiron 58 propostas ao premio ao que se presentaron 95 países. Das máis de catrocentas candidaturas gañamos como un dos seis mellores proxectos institucionais e o único que se premiou en Europa. É un premio outorgado por un organismo oficial das Nacións Unidas, con carácter mundial que recoñece un modelo urbano pensado para as persoas co cal a súa relevancia é máxima. 

-Que elementos valoraron no modelo urbano da cidade?

O dossier que remitimos analiza o investimento, a participación social, os criterios desenvolvidos e os resultados obtidos. Pontevedra é unha cidade na que os desprazamentos son maiormente a pé, os nenos e nenas poden ir camiñando ao colexio, é unha cidade democrática e harmónica, no que se experimentou un incremento da poboación. A convivencia cidadá é óptima, traballouse pola inclusión social, as rúas son para todos, seguras, democráticas, con grande importancia para o comercio local, inclusiva.

 "Entre as máis de catrocentas candidaturas presentadas, gañamos como un dos seis mellores proxectos institucionais e o único que se premiou en Europa".

Trátase dun modelo global pensado de forma integral. No informe que enviamos destacabamos tamén que non fixemos un investimento especial, senón que todos estaban encamiñados a mellorar a calidade de vida. Tamén as propias ordenanzas que regularon, por exemplo, a Cidade 30, é dicir, non se pode circular a máis de 30 quilómetros por hora. Todo isto é o que se premia por un xurado imparcial dun organismo oficial e con carácter mundial. 

-Que supuxo a aplicación dese modelo urbanístico en Pontevedra?

Os efectos e consecuencias son moitas e variadas. A primeira, a mellora da calidade de vida da cidadanía. Este modelo incrementou nun 32% a poboación do casco urbano que non é un almacén de coches, senón un espazo para vivir. Temos datos espectaculares de diminución de accidentes. Pontevedra é unha cidade segura na que os nenos e nenas poden ir sós dunha punta a outra sen correr riscos. A contaminación reduciuse nun 60, 70 ou 80% segundo os lugares. Diminuíu media tonelada por habitantes a emisión de CO2. Nesta mesma praza de diante do Concello pasaban arredor de 27.000 coches e agora non chegan aos mil. Trátase dun modelo integral que ten sentido en si mesmo e a ONU valorou tamén que é un modelo que pode ser transferido, copiado noutras cidades. Temos a presidencia da asociación Cidades que Camiñan mais nós xa non falamos sós dos camiños escolares, senón que a cidade toda é un camiño escolar. Iso non pasa en cidade algunha. Estamos nunha cidade distinta e é fácil comprobalo. Os premios teñen tamén ese valor de elevar a autoestima da xente. A cidadanía ten orgullo de ser de Pontevedra. 

"Temos datos espectaculares de diminución de accidentes. Pontevedra é unha cidade segura na que os nenos e nenas poden ir sós dunha punta a outra sen correr riscos"

-Na candidatura o Concello levaba en parcería asociacións e entidades. Supón iso que o proxecto é colectivo e foi asumido pola cidadanía?

Foi un traballo de equipo e a cidadanía mostrouse moi receptiva con este proxecto. Tamén é certo que o defendemos porque confiamos nos seus beneficios e aguantamos a oposición que foi, fundamentalmente, de carácter ideolóxico. Como socios colaboradores levamos entidades e asociacións como a Cogami, que seguiu de perto a eliminación de barreiras, a Once que participou e mesmo financiou algún proxecto, de Stop Accidentes que nos poñen como exemplos, a Asociación de Comerciantes ou a Federación de Veciños Castelao. O modelo só tivo oposición política. Cómpre lembrar que o PP puxo un recurso cando executamos a peonalización e aínda non o retirou. 

-Ese modelo contribúe a criar riqueza?

Vivimos no marco dun empobrecemento xeral da poboación. Cómpre lembrar que o concello perdeu 2.000 empregos na administración pública polos recortes e que o sector da construción, no que chegamos a ter arredor de 5.000 persoas traballando, tamén sufriu a crise. En cambio, no comercio local non se perderon postos de traballo e está a dar beneficios.

" Na situación na que estamos aspiramos a ser a lista máis votada. Non creo que poida saír ningunha outra alternativa distinta da que leva gobernando esta cidade"

Por parte da Xunta ou do Goberno central non se están a dar políticas de emprego activas e iso dilúe a ventaxa que a cidade mostra en certos sectores que dependen ou gozan do efecto do modelo urbanístico. Incrementamos o numero de pequenas e medianas empresas e autónomos, co cal é o sector servizos o que nos está a salvar. 

-Eses recoñecementos avalan a xestión do goberno municipal que vostede preside e que, segundo anunciou, vai tentar continuar presidindo?

A percepción social é boa e unha grande maioría social está de acordo co modelo. Na situación na que estamos aspiramos a ser a lista máis votada. Non creo que poida saír ningunha outra alternativa distinta da que leva gobernando esta cidade. Nas municipais vótase un modelo urbano e, neste sentido, estamos aínda en mellores condicións que nas últimas eleccións. O BNG non ten, infelizmente, unha base ideolóxica tan extensa como a do PSOE e PP mais a xestión diferéncianos. Esa vai ser a clave dos resultados e coidamos que, desta maneira, tamén se contribuirá a que se teña en conta o nacionalismo, que quen pode desenvolver o noso territorio somos os galegos, os que pensamos coa cabeza posta no país, poñer en valor o que temos. 

Comentarios