Pontevedra quitará Juan Carlos I do seu rueiro e engadirá Virxinia Pereira

O rei emérito Xoán Carlos I de Borbón atópase desde o 3 de agosto nos Emiratos Árabes Unidos (Imaxe: Europa Press)

O Goberno municipal de Pontevedra vén de iniciar os trámites para lle retirar o nome do rei emérito español, Juan Carlos de Borbón, do seu rueiro. Tamén lle retirará todas as distincións. Mudará o nome desa rúa pola de Virxinia Pereira, garante do legado artístico e político de Castelao.

De Juan Carlos I a Virxinia Pereira. Esta vai ser a principal mudanza do rueiro do concello de Pontevedra nun futuro próximo. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa a concelleira Carme Fouces.

"Foi unha decisión adoptada no seo do Goberno e que agora irá a unha Xunta de Goberno Local", informa, en declaracións a Nós Diario, a edila nacionalista. Será previsibelmente na segunda feira 23 de novembro cando a Xunta de Goberno Local, encabeza por Miguel Anxo Fernández Lores, adopte o acordo.

"Aínda que non ten que ir obrigatoriamente a unha sesión plenaria, queremos que sexa o Pleno quen lle quite estes honores ao rei emérito español, pois foi o Pleno o órgano que decidiu darllos", afirma Fouces. Desta maneira, os grupos políticos que forman parte da Corporación Municipal -BNG e PSOE, que conforman o Goberno, PP e un concelleiro non adscrito ex representante de Ciudadanos- terán que expresar o seu parecer coa decisión.

Un "exercicio de hixiene democrática"

Trátase, en palabras de Fouces, dun "exercicio de hixiene democrática que non se podía aprazar máis". "Se as razóns polas que se lle dá o nome dunha persoa a unha rúa son o prestixio, o beneficio do público e do social e os valores éticos, este señor non a merece", expresa a concelleira de Cultura.

Fouces sinala que a decisión vai alén do rueiro, pois o Concello de Pontevedra retirará "todos os honores e distincións" a Juan Carlos de Borbón, como as Chaves de Ouro da cidade. "Estamos buscando nos arquivos toda clase de mención outorgada a Juan Carlos I para retirarlla, porque non é merecedor de ningún destes recoñecementos", agrega.

A rúa dedicada ao rei emérito español, salpicado, como a Coroa española, por numerosas acusacións de corrupción, levará o nome da galeguista Virxinia Pereira. Unha figura que está a ser homenaxeada polo Concello de Pontevedra desde diversas frontes.

"Entregou a súa vida, o seu patrimonio e o seu estatus social polo ben común e polo ben público, pola democracia, pola Galiza, e ela si que merece unha rúa en Pontevedra. Pensamos que non hai mellor rúa para ela en contraposición con todo o que representa Juan Carlos de Borbón", pon de manifesto Fouces a respecto de Virxinia Pereira, quen ademais é garante do legado artístico e político de Castelao.

O non do PP

Precisamente, o BNG, a través do deputado Luís Bara, propuxera que inmóbel da Xunta da Galiza da rúa Benito Corbal que acolle as oficinas de emprego, dunha trintena de colectivos e as instalacións da Universidade de Vigo levase o nome desta estradense que sufriu a persecución e o exilio. O Partido Popular tombara entón a proposta.

O Partido Popular, xunto co PSOE, tombaran a proposta da formación nacionalista de mudar a Avenida Juan Carlos I de Compostela, por Avenida da República.

Dada a configuración do Goberno municipal de Pontevedra, con maioría do BNG, nada impide que Virxinia Pereira sexa homenaxeada na cidade en que viviu durante 20 anos.