Virxinia Pereira, máis que a viúva de Castelao

A Estrada e Pontevedra únense para homenaxear a figura de Virxinia Pereira co gallo do 50 aniversario do seu pasamento, nunha serie de actos que comezan o 20 de decembro e estenderanse durante 2020.
 
virxinia pedreira
photo_camera Estampa da visita que Otero Pedrayo e Josefina Bustamante fixeron en 1959 a Bos Aires, concretamente a 'Follas Novas', a iniciativa cultural de Neira Vilas e Anisia Miranda. (Fundación Penzol)

Existe un dito, xa demodé, que di que “detrás de todo gran home hai unha gran muller”. Mais, por que a muller ten que estar detrás, por moi alongada que sexa a sombra do seu home? Esta é a pregunta que se fixeron desde o Concello de Pontevedra e a Asociación Cultural Vagalumes da Estrada en relación a Virxinia Pereira Renda, a esposa nin máis nin menos que de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, co gallo do 50 aniversario do seu pasamento.

Por iso, o vindeiro día 20 de decembro en Pontevedra, e o 23 na Estrada, desenvolveranse unha serie de actos de recoñecemento dunha figura que era “moito máis que a muller de”, como apunta Xoán Carlos Garrido, da Asociación Cultural Vagalumes.

Estradense de nacemento, na súa localidade natal está prevista unha homenaxe diante da súa tumba no cemiterio local ás 17 horas e, posteriormente, ás 20.30 horas na sala de exposicións do Museo do Moble e a Madeira da Estrada (MOME), “un acto de lembranza para dar a coñecer a súa vida e pensamento”, indican a Nós Diario desde a organización.

Devandito acto consistirá nunha intervención escénica baseada nunha entrevista a Virxinia Pereira que lle realizaron no xornal El Progreso durante o verán de 1968, pouco máis dun ano antes do seu pasamento. A dramatización estará dirixida por Lucho Penabade e protagonizada por Clara Iglesias no papel de Virxinia e Tino Regueira no do xornalista.

Ademais, terán lugar as intervencións da profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña, que vén de publicar un traballo de análise da correspondencia de Virxinia Pereira; e de Xoán Carlos Garrido, quen falará sobre a súa relación co concello da Estrada.

Pola súa banda, Pontevedra -cidade onde Virxinia Pereira desenvolveu unha parte fundamental da súa traxectoria vital- acollerá ás 20 horas na Casa da Luz un evento de similares características no que, ademais, se entregará aos asistentes un tríptico con fotografías e datos sobre Virxinia Pereira e a súa relación coa cidade do Lérez.
Alí estarán presentes, entre outros, Manolo Puga, da Fundación Penzol; Sonia Moldes, xerente do Museo de Pontevedra; o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda; e David Otero, en calidade de representante da Asociación Cultural Vagalumes.

Continuidade das homenaxes

A entidade impulsora destes actos en Pontevedra foi o propio Concello, a través do programa Memoria das Mulleres. A súa redactora, Montse Fajardo, resalta para Nós Diario a colaboración “indispensábel” doutras entidades como a Deputación de Pontevedra, o Museo de Pontevedra, a Fundación Penzol ou a Asociación  Cultural Vagalumes de Tabeirós–Terra de Montes, que ten sede na Estrada.

Fajardo avanza que a intención do Concello de Pontevedra é que estes actos de recoñecemento a Virxinia Pereira non queden como uns eventos illados, senón que teñan “continuidade” ao longo de 2020.

“Serán o punto de partida para as actividades complementarias sobre ela que pensamos levar a bo porto, ademais da publicación dun volume coa súa biografía, que sairá do prelo durante o primeiro trimestre de 2020”, apostila.

Rachando cos estereotipos

Montse Fajardo explica que pretenden que se fale de Virxinia Pereira “máis alá de como a viúva de Castelao”. “Queremos rachar un pouco con esa visión estereotipada dunha Virxinia que era só compañeira ou enfermeira, pois, sen pretender discutir a importancia de Castelao, ela tivo relevancia de seu, grazas á súa postura tan clara en prol da lingua, o galeguismo e os movementos culturais, tanto no exilio como, xa retornada, aquí na Galiza”, engade.

Un bo exemplo do apuntado por Fajardo é o enfrontamento que mantivo co Centro Galego de Bos Aires nos anos 60 por depositar sobre o sepulcro do defunto Castelao unha coroa de flores coas cores da bandeira de España, algo que a encolerizou.

Xoán Carlos Garrido coincide na visión de Montse Fajardo de Virxinia Pereira, agregando que a súa presenza era “fundamental” para Castelao, “polos seus problemas de vista, entre moitas outras cousas, xa que a súa relación era a dunha parella amorosa que compartía a paixón polas mesmas cousas, e sobre todo polo país”.

O historiador e membro da Asociación Cultural Vagalumes fai énfase, tamén, no dobre sufrimento que tivo que padecer Virxinia Pereira, como exiliada e muller: “Naquela época a concepción da muller era terríbel, mais ela, que era moi intelixente, logra desterrar esa idea de que era unha persoa invisíbel ou unha maleta, que é como a vía moita xente, arrastrada polo seu home a Nova Iorque, Moscova, o exilio...”.

Garrido conclúe revelando que, “sen pretendelo”, esa “viúva de Castelao” acabou sendo “moito máis que unha muller de”,  pois, “tal e como revelan as súas cartas, escribe moi ben e ten unhas ideas moi firmes, o que desminte aquilo de que era unha persoa invisíbel ou arrastrada polo seu home. Teno todo moi claro e, se ben é certo que non deixou unha obra no sentido académico do termo, entendemos que é fundamental na historia do país".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios