O PP rexeita denominar Virxinia Pereira ao rehabilitado edificio multiusos da Xunta en Pontevedra

O BNG propuxera que o inmoble da rúa Benito Corbal e que acolle as oficinas de emprego, dunha trintana de colectivos e asociacións e as instalacións da Universidade de Vigo, levase o nome desta estradense que viviu 20 anos na cidade pontevedresa e sufriu persecución e exilio canda o seu compañeiro, Castelao.

xunta benito cordal pontevedra

O rehabilitado e renovado edificio de 6.000 metros cadrados da Xunta en Pontevedra e que acolle desde as instalacións da Universidade de Vigo na cidade até espazos para unha trintena de asociacións e colectivos non se denominará Virxinia Pereira. A proposta formulada polo deputado do BNG Luis Bará na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento contou co apoio de PsdeG e En Marea. Mais non foi abondo. O non do PP botou por terra esta proposición non de lei.

Virxinia Pereira naceu na Estrada e residiu en Pontevedra durante 20 anos. Coñeceu ben a loita polo autogoberno da Galiza e as consecuencias do golpe de estado franquista: sufríu o exilio en Cuba, Estado Unidos e Arxentina canda o seu marido, Daniel Castelao. Tras a morte do rianxeiro loitou en defensa dos bens que lle foran expoliados.

O PP alegou que habería moitos outros nomes cos que se podería denominar este edificio e que a sociedade xa lle ten designado o nome de "edificio da Xunta en Benito Corbal". 


 

Bará replicou lembrou que Pontevedra leva cinco anos desenvolvendo o proxecto de 'Memoria das mulleres' e denominando rúas con nome de muller. Anunciou que se a Xunta non quer denominar o edificio co nome desta muller, o Concello de Pontevedra quen levará a cabo unha homenaxe a Virxinia Pereira.


 

Comentarios