Nove parques eólicos rexeitados por incumpriren os requisitos ambientais

Manifestación contra proxectos eólicos, o pasado maio en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Ordénase a devolución das garantías económicas.

Perto dunha decena de proxectos de polígonos eólicos que obtiveron declaracións de impacto ambiental desfavorábeis por non cumprir os requisitos ambientais veñen de ser arquivados. Así se recolle nas resolucións do Diario Oficial da Galiza (DOG) publicadas esta cuarta feira, que tamén inclúe a cancelación das garantías económicas depositadas polas promotoras. 

En concreto, trátase dos polígonos Puza, da empresa Alto de Puza S.L., entre os municipios de Avión e da Lama (comarcas do Ribeiro e Pontevedra, respectivamente); Pena Ombra de Greenalia Power S.L., que afectaría Guitiriz, Curtis e Sobrado (entre as comarcas da Terra Chá, As Mariñas e Terra de Melide); Pedra Longa de Pedra Longa S.L.U., na Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade (comarca de Terra de Montes); O Vao, promovido por Green Capital Development XXIV S.L. en Mazaricos e Outes (comarcas de Xallas e Noia); Mancelo, de Alto de Mancelo S.L., no Covelo e A Caniza (comarca da Paradanta); Alto da Croa, de EDP Renovables España S.L.U., entre Dumbría e Vimianzo (comarcas de Terra de Soneira e Fisterra); A Picota, promovido por Parque Eólico A Picota S.L. en Mazaricos; A Espada, de Naturgy Renovables S.L.U.,  en Agolada e Lalín (comarca de Deza); e A Costa, promovido por Wind Premier A Costa S.L. entre Mazaricos, Outes e Muros (comarca homónima).

Devolución da garantía

En todos estes nove casos cancélanse os proxectos logo de que as propias empresas promotoras solicitaran o arquivo dos expedientes administrativos, ao non poder continuar a tramitación dos mesmos por carecer da declaración de impacto ambiental favorábel. 

Da mesma maneira, o DOG publicado esta cuarta feira indica que se procede á devolución das garantías económicas depositadas polas empresas enerxéticas para responder ás súas obrigas legais en relación coa tramitación do procedemento. Unhas cantidades económicas que nalgúns casos, como no do parque Puza, na comarca do Ribeiro e de Pontevedra, roldan os dous millóns.

Así figura nas nove resolucións da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, asinadas o día 28 de novembro polo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e publicadas esta cuarta feira DOG.