Poden o polbo, os chocos e as luras garantir a seguranza alimentaria?

Unha persoa serve unha ración de polvo no San Froilán de 2022 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O traballo, asinado por un grupo de once autores liderados por persoal do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) , realizou unha revisión bibliográfica global de traballos vinculados aos factores do mercado que inflúen na captura, comercio e consumo do sistema alimentario dos cefalópodos.

Un novo artigo publicado na revista People and Nature aborda a necesidade de entender mellor o sistema alimentario de diversas especies de cefalópodos, como os polbos, os chocos e as luras, explorando as conexións entre as contribucións da natureza ás persoas, as políticas do sistema alimentario e o benestar humano.

O traballo, asinado por un grupo de once autores liderados por persoal do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) , realizou unha revisión bibliográfica global de traballos vinculados aos factores do mercado que inflúen na captura, comercio e consumo do sistema alimentario dos cefalópodos.

Os investigadores do Cretus Gill Ainsworth, Pablo Pita, Sebastián Villasante e Katina Roumbedakis evidencian neste traballo que os cefalópodos achegan beneficios á natureza e ás persoas.

En todo o mundo, as pescarías de cefalópodos expandíronse a gran velocidade nos últimos 50 anos. Pasouse de aproximadamente 99.100 toneladas en 1970 a 374.200 toneladas en 2020, e ampliáronse as zonas de pesca para satisfacer a crecente demanda do mercado.

 A abundancia de poboacións de cefalópodos flutúa de forma natural, e a súa dispoñibilidade vese moi afectada por efectos ambientais como o cambio climático, que “aumentan a incerteza en torno á sustentabilidade destas especies e a súa dispoñibilidade como recurso alimentario”, explican os asinantes do artigo.

“Pagar unha peaxe para o planeta”

Neste contexto, garantir a alimentación para a poboación de todo o mundo supón tamén pagar unha peaxe para o planeta. O artigo publicado en People and Nature expón o vínculo directo entre a perda da biodiversidade e o impacto do actual sistema alimentario.

“Para comprender o funcionamento deste sistema hai que ter en conta a relación entre a produción e o consumo dos alimentos e é sabido que cómpre transformar a forma de produción para camiñar cara a sistemas máis sostíbeis”, apuntan os investigadores.

Neste sentido, a maioría das investigacións realizadas até agora centráronse no sector agrícola, pero o sector mariño é tamén fundamental a escala planetaria.

Importancia nutricional e cultural

Neste artigo, o equipo liderado pola USC expón, por unha parte, como os cefalópodos (chocos, polbos ou luras) achegan beneficios á natureza e ás persoas.

Son depredadores importantes dentro dos ecosistemas mariños e teñen tamén unha notábel importancia nutricional e cultural que contribúe a reforzar a seguridade alimentaria humana. Por tanto, unha pesca de cefalópodos sostíbel e equitativa require comprender os vínculos entre os ecosistemas que habitan estas especies, as políticas do sistema alimentario e o benestar humano, algo que non se estudou en profundidade previamente.

Así, a investigación contribúe ao diagnóstico global de oportunidades e limitacións relativas ao papel dos cefalópodos nas transformacións cara a un sistema de produción de produtos do mar máis resiliente e diversificado.

“Este panorama é moi complexo en canto ás interaccións entre sectores e actores implicados, o que require integración e colaboración a diversas escalas xeográficas, sociais e temporais”, afirman.

Na mesma liña, o traballo destaca catro factores chave relacionados cos cefalópodos que poden apoiar as transicións cara a unha maior seguridade alimentaria: o valor das novas especies de alimentos acuáticos; sistemas de seguridade e autenticidade dos alimentos; innovacións baseadas no lugar de orixe e o apoderamento das comunidades locais; e o comportamento, o estilo de vida e as motivacións dos consumidores para mellorar a saúde e a sustentabilidade ambiental ao longo da cadea de valor alimentaria.