A desigualdade, en máximos na Galiza

Un cidadán buscando comida nun contedor do lixo en Vigo. (Foto: Nós Diario)
A desigualdade social non deixa de medrar na Galiza desde 2009. Á volta de 2008, a Galiza era a cuarta autonomía do Estado con maior igualdade. Porén, en 2020 pasou a ser a undécima máis desigual. A caída das rendas do traballo explican boa parte do acontecido na última década, marcada polos Gobernos de Feixoo.

O recente estudo sobre os salarios elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) vén certificar o aumento da desigualdade na Galiza en 2020. Ao tempo, destaca que o país presenta unha peor distribución nas rendas que o conxunto do Estado, asistindo a unha desvalorización dos ingresos procedentes do traballo fronte aqueles xurdidos do capital. Neste sentido, o relatorio do IGE destaca o incremento das diverxencias entre os niveis de renda.

O coeficiente de Gini

O coeficiente de Gini é un dos indicadores de referencia para medir a desigualdade. O modelo desdeñado polo estatístico italiano Corrado Gini emprégase para determinar a desigualdade dos ingresos mais pode servir para analizar calquera forma de distribución desigual no interior dunha sociedade. 

Así, o coeficiente de Gini é un número entre 0 e 1, onde 0 correspóndese coa igualdade perfecta, con todas as persoas cos mesmo ingresos, e 1 coa desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e os demais ningún. Os datos para a Galiza certifican un incremento da desigualdade desde 2009. Se á volta de 2008, o último ano do Executivo bipartito á fronte da Xunta, o índice de Gini situábase en 0,284 e a desigualdade na Galiza lograba a cifra máis baixa de toda a serie histórica, a situación é completamente diferente transcorrida unha década. Así, na pasada anualidade, o índice de Gini é de 0,42, practicamente 1,5 puntos por encima.

Undécimo territorio máis desigual do Estado

Os distintos indicadores avanzan datos nesa dirección. O empregado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para medir a desigualdade, o coeficiente S80/S20, sitúa a Galiza como a undécima autonomía máis desigual do Estado. Neste caso, a evolución é análoga á do índice de Gini desde 2008, momento onde o país chega ás cotas máis altas de igualdade da serie histórica.

O INE situaba en 2020 Aragón, A Rioxa, Baleares, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Euskadi, Murcia e Nafarroa nuns niveis de igualdade superiores aos da Galiza. Pola contra en 2008, só rexistraban uns números mellores que a Galiza A Rioxa, Nafarroa e Castela e León.

As cifras do ano da pandemia puxeron fin a catro ano de alzas consecutivas dos soldos

A dinámica de desvalorización interna non se explica sen a caída dos salarios. Segundo un estudo publicado polo IGE no mes de xuño, os salarios reducíronse na Galiza no pasado exercicio en 4,3%, rexistrando unha baixada só superada en toda a serie histórica en 2012, cando asinaron unha contracción de 6,5%. 

Neste sentido, as cifras do ano da pandemia puxeron fin a catro ano de alzas consecutivas dos soldos, tras unha desvalorización do seu valor de 11,3% entre 2009 e 2014 e unha alza moi moderada no período seguinte, que situou as remuneracións das traballadoras e traballadores moi por baixo dos valores en prezos constantes de 2009.

Perda de poder adquisitivo máis acusado que na UE

A perda de poder adquisitivo dos salarios galegos durante a pandemia superou a media da  

Unión Europea. Para o caso do Estado español, a baixada do salario das galegas e galegos estivo por riba de estremeños, andaluces, cataláns e leoneses, aragoneses, navarros, cántabros, rioxanos e murcianos. 

De exceptuar a anomalía vasca, só ficaron por riba da Galiza aquelas áreas do Estado cun amplo peso na súa estrutura produtiva da actividade turística, onde o comportamento do sector xerou distorsión nos números finais.

O referido estudo do IGE certificou o alcance da caída do poder adquisitivo desde 2008. Así, en 2009, a contía media de hora traballada na Galiza foi de 15,7 euros, situándose en 2020 en 19,1 euros. A suba dos salarios na última década cifrouse en 3,4 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que dá conta, ao tempo, da diminución do poder de compra das persoas traballadoras, que só se mantivo co recurso ao endebedamento.

As rendas do traballo non deixaron de ceder posicións fronte ás do capital. Así, o relatorio do  IGE sinala que as rendas do traballo representaban na Galiza, a 31 de decembro de 2020, 46% do Produto Interior Bruto (PIB), exactamente dous punto menos que en 2009, ano da chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Naquela altura, as rendas do capital significaron 52% do PIB galego, fronte a 54% de 2020, nunha clara mostra da perda de poder adquisitivo dos asalariados galegos, quen rexistran unha das peores distribucións das rendas do espazo estatal e europeo.

O marco normativo laboral, unha chave

O marco normativo definido na lexislación laboral é un instrumento chave na distribución das rendas. As reformas laborais impulsadas por Rodríguez Zapatero e Mariano Raxoi resultaron chaves na desvalorización dos salarios e das pensións. A súa evolución na última década así o mostra.