sábado 29/01/22

A década na que Galiza pasou de ser o cuarto territorio con maior igualdade do Estado ao noveno máis desigual

A alza da desigualdade neste período camiñou da man da caída das rendas de traballo.

 

A desigualdade aumenta de maneira máis acusada na Galiza que no conxunto do Estado. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)
A desigualdade aumenta de maneira máis acusada na Galiza que no conxunto do Estado. (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

A última década deixa na Galiza un aumento da desigualdade, unha tendencia que non é exclusiva do noso país mais que nestes anos se deu aquí con maior intensidade.

O estudo ‘Diferencias de igualdad y bienestar en las regiones españolas’ non deixa moita marxe para a dúbida. Atendendo aos datos do índice de Gini, en 2008 a Galiza era o cuarto territorio con maior igualdade do Estado español, só presentando unha distribución mellor da renda Nafarroa, Aragón e A Rioxa. Unha década despois, Galiza figura coma o noveno máis desigual.

O aumento da desigualdade neste período camiñou da man da caída das rendas de traballo, que pasan de representar 48,1% do PIB á volta de 2019 cando eran 55,9% en 2009.

 A desigualdade non deixopu de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Á volta de 2008, o último ano do Executivo bipartito á fronte do Goberno galego, o índice de Gini sitúase en 0,284 e a desigualdade na Galiza era inferior á media estatal. Mais 10 anos despois, en 2018, o índice de Gini alcanzaba 0,305 e Galiza avanzaba posicións entre os territorios máis desiguais do Estado. 

O coeficiente de Gini, ideado polo estatístico italiano Corrado Gini, emprégase para determinar a desigualdade dos ingresos mais pode servir para analizar calquera forma de distribución desigual no interior dunha sociedade. Así, o coeficiente de Gini é un número entre 0 e 1, onde 0 correspóndese coa igualdade perfecta, con todas as persoas cos mesmo ingresos, e 1 coa desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e os demais ningún.

Aumento

Un estudo de finais de 2020 do Instituto Galego de Estatística (IGE) alertaba que as rendas do traballo representaban na Galiza, a 31 decembro de 2019, 44,1% do Produto Interior Bruto (PIB), practicamente catro puntos menos que en 2009, ano da chegada á Presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo.

Naquela altura, as rendas do capital ocupaban 52% do PIB galego, fronte a 55,9% de 2019, nunha mostra da perda de poder adquisitivo das persoas asalariadas galegas, que seguen a situarse nos niveis máis baixos do conxunto estatal. 

O estudo, presentado polo Instituto Galego de Estatística o pasado 1 de decembro, certifica o aumento da fenda salarial entre a Galiza e o Estado español. Así, o IGE sinala que en 2019, a remuneración salarial por hora traballada na Galiza situábase en 18 euros, mentres no conxunto estatal alcanzaba 20,3 euros e na media da Unión Europea, 23,8 euros.

Sendo en 2009 a contía da hora traballada na Galiza de 15,7 euros, a suba dos salarios na última década é de 2,3 euros, unha cifra moi inferior á da inflación acumulada no período, o que dá conta, ao tempo, da diminución do poder de compra dos traballadores e das traballadoras, que só se mantivo co recurso ao endebedamento.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A década na que Galiza pasou de ser o cuarto territorio con maior igualdade do Estado...
comentarios