A pobreza chama á obesidade: a metade da poboación adulta galega ten exceso de peso

Non durmir as horas recomendadas e a falta de benestar emocional incrementan o risco de obesidade na idade escolar. (Foto: Nós Diario)
Hoxe é o Día da Persoa Obesa, unha doenza que afecta unhas 357.000 persoas no país.

Máis da metade da poboación adulta da Galiza ten exceso de peso. En concreto, 39,2%, unhas 849.000 persoas, teñen sobrepeso e 16,5%, unhas 357.200 persoas, son obesas. Son datos da Enquisa Europea de Saúde do ano 2020 recollidos pola Xunta no Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade na Galiza desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030, unha proposta que busca reducir o exceso de peso entre a poboación adulta en 15%.

En oito anos, o plan 'Obesidade Zero' do Goberno galego busca rebaixar en 190.000 o número total de persoas adultas con sobrepeso, un problema de saúde pública que a Organización Mundial da Saúde sitúa mesmo por diante do tabaquismo.

Calidade de vida

Nun informe recente, a OMS sinala a obesidade como responsábel directa de 200.000 novos casos de cancro ao ano en Europa. Vincula esta doenza con 13 tipos de tumores distintos, entre os que cita o cancro de mama, sobre todo en mulleres posmenopáusicas, o cancro de ril, fígado, ovarios, páncreas, esófago, tiroides, gástrico e colorrectal.

Hai tempo xa que as persoas con obesidade non enfrontan un problema estético senón unha enfermidade "complexa" que mingua a súa calidade de vida e incrementa o risco de doenzas secundarias entre as que están, ademais do cancro, a diabetes tipo 2 e as complicacións cardiovasculares.

A obesidade tende a duplicarse entre os nenos e nenas que viven en fogares con menos ingresos

O exceso de peso e a obesidade non obedecen a unha única causa. A predisposición xenética, unha dieta pouco saudábel, a falta de exercicio, un metabolismo lento explican a maioría dos casos, que as autoridades sanitarias buscan atallar canto antes, xa que os custos individuais, sociais e económicos van en aumento. 

Obesidade infantil

Neste sentido, a obesidade infantil é unha prioridade estratéxica. Segundo recolle o Plan estatal para a redución da obesidade infantil, catro de cada 10 crianzas teñen exceso de peso. En dúas décadas, a obesidade infantil avanzou de 16 a case 23%, chegando a duplicarse no caso de nenas e adolescentes ao pasar de 9,3 a 20%, de acordo cos datos do Estudo Aladino 2019, de alimentación, actividade física, desenvolvemento infantil e obesidade.

Este informe constata a relación directa entre obesidade e pobreza. O exceso de peso ten un forte compoñente social, de estilo de vida e de hábitos alimentarios, polo que a obesidade tende a duplicarse entre os nenos e nenas que viven en fogares con menos ingresos, con máis dificultades para acceder a unha dieta equilibrada e a actividades de ocio e deporte ao aire libre. De feito, escolares cunha alimentación menos saudábel son tamén menos activos e máis propensos ao sobrepeso. 

A comunidade experta estima que 55% de crianzas con obesidade serán adolescentes con obesidade. E 80% de adolescentes con obesidade serán adultos con obesidade, unha doenza crónica progresiva que se transmite nas familias; hoxe, con peor saúde emocional e máis sedentarias (41,% da poboación adulta galega), e cun consumo menor de froitas, verduras, legumes e produtos frescos en favor de alimentos procesados con maior contido en azucres, sal e graxas, menos ricos en fibra e nutrientes esenciais. 

Obesidade, a maior discriminación social

"A obesidade é unha pandemia que afecta todas as idades e grupos sociais", asegura Rosaura Leis, coordinadora da unidade de Nutrición do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Con todo, alerta da alta incidencia nos países do sur de Europa debido "á perda de adherencia das crianzas a estilos de vida saudábeis, ás dietas atlántica e mediterránea". Ademais, di, "a obesidade é "unha doenza social" que discrimina os grupos máis vulnerábeis e pon en risco o sistema sanitario. Por iso chama a investir en prevención de maneira conxunta e coordinada; desde a política, a escola, a familia, a industra a sociedade...

Por cada euro destinado á prevevención, estiman, recuperaríanse seis, fronte ao custo económico actual da obesidade, que supón unha mingua de 2,9% do PIB a nivel estatal.

Segundo o informe A pesada carga da obesidade da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), publicado a finais de 2019, a obesidade e o sobrepeso representan 9,7% do gasto sanitario total no Estado español, o que significa que cada cidadán destina 265 euros dos seus impostos ao seu tratamento.