A poboación galega é a que menos confía na sanidade privada: un 16,6% asinou un seguro

Estrella López Pardo (Imaxe: Xoán Crespo / Xunta da Galiza)

Galiza é unha das autonomías con menor porcentaxe de seguros sanitarios privados, que ten subscrito o 16,6% da poboación, 8 puntos por baixo da media estatal, que é do 24,4%.

O dato ofreceuno na quinta feira a xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, que compareceu na Comisión de Sanidade para responder a unha pregunta do deputado socialista Julio Torrado en relación á evolución da sanidade privada na Galiza.

Na súa intervención, Torrado acusou a sanidade privada de "aumentar o seu volume de negocio á custa" da sanidade pública e, especialmente, das súas "debilidades", entre elas a rapidez de acceso. "O sistema privado non achega unha maior calidade", explicou Torrado que, con todo, destacou que, nas diferentes enquisas, a poboación que preferiría esta opción sanitaria refire o "maior confort", así como a mellor accesibilidade, "máis axilidade, máis velocidade na atención" ou a axilización das listas de espera, entre outras cuestións.

Para o deputado socialista é "evidente" que é precisamente nas cuestións relativas á saturación e a espera nas que a sanidade pública "está a perder capacidade de atención" e vólvese "ineficiente" á hora de "ser accesíbel" ao cidadán.

Torrado considerou que, na situación actual, as políticas da sanidade pública "están a favorecer o sistema privado" aproveitándose "das súas debilidades" e preguntou á representante do Sergas se se senten "preocupados" por esta cuestión.

As cifras

Fronte a esta intervención, a xerente do Sergas apuntou que a "penetración do seguro privado" no ámbito sanitario non está a experimentar "un crecemento". Así, conta con seguro privado o 16,6% da poboación, segundo o informe da Unión Española de Entidades Aseguradoras, oito puntos menos que a media estatal.

Ademais, destacou, en 2008 Galiza era "a sexta comunicade con máis porcentaxe de seguros privados" entre a súa poboación, mentres que agora está no posto 13 de 17. "Durante os anos deste Goberno, Galiza evitou a tendencia estatal de aumento do seguro privado", engadiu a xerente do Sergas.

Por outra parte, e como xa publicara Nós Diario, explicou que os datos do último barómetro sanitario do CIS apuntan que Galiza é a segunda comunidade na que máis porcentaxe de poboación elixiría a sanidade pública: un 76,5% para unha consulta co médico de cabeceira, fronte ao 68,6% estatal; e un 84,2% para un ingreso hospitalario, fronte ao 75,2% estatal.

Ambulancias Civera

Na mesma comisión, Estrella López-Pardo respondeu tamén a unha pregunta formulada polo BNG sobre o contrato de transporte sanitario de Pontevedra, adxudicado a Ambulancias Civera e que está en vías de ser rescindido. A pregunta foi formulada pola deputada Montse Prado, que chamou a atención sobre "a desatención" sanitaria que sofren "os veciños desta área" e, en particular, sobre os "incumprimentos" do servizo de transporte sanitario, que partía xa dunha posición "deficitaria" e que presenta "carencias" que están a afectar á poboación.

Na súa resposta, a xerente do Sergas apuntou que en setembro e decembro de 2022, a Xunta notificou á empresa dous procesos de penalidades que derivaron nunha multa de 109.000 euros e dun desconto de 132.000 euros adicionais nos obxectivos de calidade polos "incumprimentos non resoltos" en relación á concesión.

Os expedientes, admitiu, "non conseguiron o efecto desexado", polo que en xaneiro iniciouse o procedemento para a rescisión do contrato, "a última das opcións". Este proceso está en fase "inicial" de "notificación e trámite de audiencia".

Pontevedra, a zona cero da degradación da sanidade pública

Pola súa parte, o deputado nacionalista Luís Bará preguntou na mesma comisión, neste caso ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, en relación á situación de asistencia do centro de saúde de Moraña, que sofre falta de médicos, anulación de citas e demoras para a asistencia, unha situación que "non é de agora", pero que se viu "agravada" pola pandemia.

"Moraña non é unha excepción, por desgraza, é unha realidade habitual en toda a área sanitaria, que é a zona cero da degradación da sanidade pública na Galiza", engadiu o deputado, lembrando as mobilizacións convocadas na zona.

Na súa resposta, Aboal explicou que o centro conta con tres médicas, das que actualmente dúas están de baixa. A posibilidade de cubrir as ausencias, engadiu, vén condicionada porque "non hai profesionais para contratar", admitiu. Ante a ausencia de persoas na lista de substitución, dixo, optouse por cubrir estes ocos con prolongación de xornada.